Mancomún

Nokia subvencionará software galego para a súa plataforma móbil

Venres, 30 Xaneiro 2009
VagalumeA compañía finlandesa Nokia contribuirá ao desenvolvemento do cliente de Last.fm Vagalume, patrocinado pola compañía Igalia. Farao en virtude da distinción “Estrela Fremantle” coa que a empresa líder en telefonía móbil acaba de recoñecer o proxecto e no que participará de cara á próxima versión da súa plataforma de código aberto para dispositivos móbiles, Maemo.

A empresa galega Igalia recibirá axuda, promoción e financiamento de Nokia para o desenvolvemento deste aplicativo, despois de ter sido valorado o seu valor para a multinacional no relativo á integración do programa na plataforma Maemo 5 (co nome clave Fremantle) e a súa utilidade complementaria ás ferramentas de Nokia.

O proceso de selección levouse a cabo mediante unha consulta entre a comunidade Maemo, que escolleu entre as distintas candidaturas posíbeis. En total foron oito os proxectos que resultaron seleccionados. Xunto a Vagalume, estarán eCoach (xestor de actividades físico-deportivas), FB Redear (lector de libros electrónicos). Liqbase (xestor de contornos de xogos), Mauku (microblogue sen fronteiras), NumptyPhysic (xogo virtual), OMWeather (preditor meteorolóxico) e OSM2Go (editor OpenStreetMap).

Vagalume, un aplicativo desenvolvido por galegos

Vagalume é un proxecto patrocinado pola empresa galega Igalia e materializado por un equipo liderado por Alberto García xunto coa achegas de toda a comunidade de desenvolvemento de software libre.

O proxecto consiste no desenvolvemento dun cliente de Last.fm dirixido fundamentalmente para a plataforma Maemo de Nokia, aínda que tamén funciona en contornos de escritorio Gnome (dispoñible nos repositorios de Ubuntu) e mesmo dispón dunha versión para Windows.

Dende que a primeira versión estábel de Vagalume fora presentado en novembro do 2007 polo coordinador do proxecto, foron moitas as actualizacións que se foron introducindo no aplicativo até convertilo no produto mellorado actual que conseguiu atraer o interese da propia compañía Nokia.

Na última publicación, en abril de 2008, Vagalume incorporou opcións coma unha icona na bandexa do sistema con notificacións de qué canción está a reproducir, ou a capacidade para poder traducir o software a distintos idiomas. Actualmente o aplicativo atópase dispoñíbel nun total de oito idiomas, entre os que se atopa o galego.

Fonte: Vieiros

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal