Mancomún

O ITG presentará unha aplicación de SwL para axudar ás empresas a ser máis eficaces coa enerxía

Venres, 5 Setembro 2008

GenerO Software Libre xa non é só un método para aforrar custos, agora, tamén permitirá aforrar enerxía. O Instituto Tecnolóxico de Galicia presenta o vindeiro martes en Santiago de Compostela unha ferramenta de código aberto que axudará ás compañías a acadar resultados óptimos na redución do consumo de electricidade e recursos.

A aplicación “FAE: Autodiagnóstico Enerxético para empresas”, que será dada a coñecer no marco do acto de clausura do Proxecto Gener (A eficacia enerxética nas empresas), foi desenvolvida sobre tecnoloxía web e software libre de xeito íntegro polo ITG, centro galego con sede na Coruña e especializado en ferramentas informáticas de axuda para as compañías.

O encargado de presentar as características deste software será Santiago Rodríguez Charlón.

O Proxecto Gener

O Proxecto Gener, impulsado por nove entidades e institucións de Galicia e o Norte de Portugal, ten como obxectivo implantar nas PEMEs modelos de xestión eficiente de enerxía.

O Proxecto estivo enmarcado na iniciativa comunitaria INTERREG III-A e contou coa participación das seguintes entidades : Instituto Enerxético de Galicia – INEGA, Instituto Tecnolóxico de Galicia – ITG, Confederación de Empresarios de Pontevedra -CEP, Confederación de Empresarios de Ourense -CEO, Agência Regional de Energia e Ambiente do Vale do Lima, Oficina da Inovação, S.A., IDITE Minho, Conselho Empresarial dos Vales do Lima e Minho, Instituto Politécnico de Viana do Castelo.

O acto de clausura do mesmo dará comezo ás 10 horas na sede FEUGA (Campus Sur) e contará coa intervención do conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, para a presentación do acto. Xunto a el estarán outras personalidades como o presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, José Manuel Fernández Alvariño; o Presidente da Confederación de Empresarios de Ourense CEO, Francisco Rodríguez García; e o Director do Instituto Enerxético de Galicia INEGA, Juan José Álvarez Carril.

 

Ademais como relatores intervirán Rodríguez Charlón, así como Luís María López González da Universidade da Rioxa.

Máis información

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal