Obradoiro formativo "Xestión dun proxecto en software libre"

Venres, 13 Xuño 2014

A semana próxima, os días 19 e 20 de xuño, en horario de 10:00 a 14:00 horas, celebrarase no Centro Demostrador TIC un novo seminario de formación sobre tecnoloxías libres, “Xestión dun proxecto de Software Libre”.

Banner do seminario

Cómpre destacar que tanto a Xunta de Galicia como outras administracións públicas, veñen aplicando nos últimos anos políticas de contratación nas que se require a entrega dos desenvolvementos con licenza libre así como o uso de ferramentas de desenvolvemento en aberto. Así pois este seminario pode ser de interese non só para empresas que habitualmente traballan con Software Libre, senón tamén para empresas e consultoras TIC que desenvolven habitualmente proxectos para as administracións públicas.

O seminario correrá a cargo de Jose María Casanova Crespo, quen achegará aos asistentes, dende un punto de vista eminentemente práctico, como deben enfrontarse á xestión dun proxecto con licenza libre, cales son as pautas a seguir e as ferramentas a empregar nunha metodoloxía de traballo en aberto fronte ás clásicas ferramentas de desenvolvemento en contorno pechados e restrinxidos. Ademais de prestar atención ás ferramentas de traballo, explicará tamén cales son os fluxos e dinámicas de traballo habituais nas comunidades de desenvolvemento deste tipo de proxecto, nos que o factor humano é de especial importancia.
Este obradoiro está dirixido a persoal técnico de empresas TIC así como a calquera profesional TIC interesado en mellorar as súas habilidades de traballo en contornos de traballo en aberto.

O programa completo do seminario será:

  • O desenvolvemento en aberto.
    • O modelo catedral e o modelo bazar.
    • Desenvolvemento colaborativo.
    • A importancia do factor humano no desenvolvemento en aberto.
  • Elección das ferramentas adecuadas para o traballo colaborativo.
    • Wikis, roldas de correo, foros.
    • Repositorios de código (git, subversión)
    • Ferramentas integradas: a forxa de software.
  • Sistemas de xestión de erros. Fluxos de traballo.
  • Follas de ruta: políticas de versións e definición de fitos.
  • Xestión da comunidade do proxecto.
  • Ferramentas de comunicación para xestionar un proxecto en internet.
  • Características das comunidades de desenvolvedores.

A asistencia ao seminario é completamente gratuíta, sendo únicamento preciso a inscrición previa. Para inscribirse cómpre rexistrarse previamente como usuario do CDTIC obtendo así un Espazo Usuario no Web do CDTIC dende o que poderedes:

  • Inscribirvos nas próximas actividades
  • Levar un histórico das actividades nas que teñades participado
  • Descargar documentación asociada ás mesmas
  • Cubrir on-line os cuestionarios de satisfacción relativos ás actividades nas que participedes.

Este seminario forma parte da oferta formativa en software libre no CDTIC dentro do Plan de Acción en materia de Software Libre 2014.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal