Un membro da comunidade galega de software libre, Alberto González, liberou recentemente a versión alpha de OpenXenCenter. Trátase dun aplicativo de escritorio libre para o manexo de máquinas virtuais Xen, actividade ata o de agora posíbel mediante o uso da consola ou do aplicativo privativo Citrix XenServer no sistema operativo Windows.
Citrix XenServer era, pois, a única plataforma de virtualización que subministraba -como freeware- as características da migración e a xestión de multiservidores. Fronte a esta solución privativa, OpenXenCenter desenvolveuse como un clon de código aberto.
O código de OpenXenCenter baséase en python con pygtk e a versión modificada de gtk-vnc. A súa primeira versión “alpha” permite visualizar os datos das máquinas virtuais (memoria, espazo disco duro, rede), acceder á consola destas, operar con elas (encender, apagar, suspender e reanudar) ou coñecer os logs.
A versión beta, prevista para o mes de agosto segundo o calendario de liberacións publicado, permitirá a creación de novas máquinas virtuais, realizar e restaurar copias de seguranza, así como amosar gráficos de rendementos.
O desenvolvemento do aplicativo foi posíbel grazas á colaboración da empresa Ultreia Comunicaciones, que achegou a infraestrutura técnica precisa para o proxecto e na que, por outro lado, traballa o propio Alberto González.
OpenXenCenter está dispoñíbel para a súa descarga en Sourceforge.net. Asemade, está aberto a participación e colaboración da comunidade a través da páxina web do proxecto.
Este non é o primeiro proxecto que Alberto González pon a disposición da comunidade de software libre, sendo un desenvolvedor bastante activo. Precisamente, en febreiro deste mesmo ano, liberou a través da Forxa de Mancomún un plugin de Zabbix para Firefox. Este plugin para firefox 3.0 amosa na parte baixa do navegador as alertas activas no sistema de monitorización Zabbix, permitindo, dende este, o acceso aos últimos datos, o coñecemento do problema e a visualización das alertas executadas.
