Acaba de lanzarse URLI 7 , un sistema operativo libre, rápido e fácil de usar, que está baseado en Ubuntu e Debian. Combinando a fortaleza e a estabilidade de Linux cunha interface gráfica de última xeración, atractiva e intuitiva, URLI 7 conta ademais cunha versión a maiores, a “Vieron”, na que a interface gráfica, os cartafoles, as xanelas, os menús, as iconas son moi similares aos de Windows de Microsoft.
Unha proba desta similitude que ten con Windows pode apreciarse no seu menú de inicio, xa que se trata dun menú KDE adaptado co fin de asemellarse ao de Windows.
Esta nova versión conta con máis paquetes multimedia e maior compatibilidade con winmodems e modems de ADSL. A versión en DVD de URLI 7 ten ademais Freevo como centro multimedia -compatíbel co manexo a distancia co control remoto para ver fotos, vídeos ou escoitar música, podendo así empregar o computador como un centro de entretemento, para poder ver as películas da televisión e gardalas no disco duro directamente para velas cando se queira.
Esta distribución está especialmente dirixida ás persoas usuarias que queren migrar de Windows a GNU/Linux, e non teñen coñecementos previos . Polo que os desenvolvedores de URLI se centraron sobre todo en facer un contorno amigábel aos principiantes no eido de GNU/Linux.
