Mancomún

Red Hat e o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia asinan un convenio de colaboración

Martes, 31 Marzo 2009
 Trátase do primeiro acordo desta natureza que asina Red Hat en Europa cunha entidade pública. O  convenio co CNTG (Centro de Formación en Novas Tecnoloxías de Galicia) especialmente dedicado á formación de profesionais, tamén abrangue tarefas conxuntas de observación das tendencias actuais de mercado co obxectivo de desenvolver o programa formativo e informativo que mellor se axuste ás circunstancias do momento presente e do inmediato futuro.

O director xeral de Formación e Colocación da Consellería de Traballo, Pastor Fuenteseca Díaz, e o director financeiro de Red Hat Europa, Oriente Medio e África, Brendan Lane, empresa sobranceira no eido da programación aberta, asinan este acordo que está especialmente encamiñado a achegar formación de calidade e certificada en tecnoloxías de crecemento para fomentar a innovación no eido das novas tecnoloxías, xeración de calidade na prestación dos servizos e mellora da produtividade das empresas.

A actividade está pensada para profesionais galegos á procura de métodos de fortalecemento do currículo e consistirá nun exhaustivo programa de seminarios tecnolóxicos, novos produtos e accións informativas para o tecido produtivo galego.
 
 Red Hat é unha compañía  de recoñecido prestixio presente nos cinco continentes que basea a súa oferta tecnolóxica no apoio á tecnoloxía de código aberto. Tanto o Director Xeral de Formación e Colocación, como Santiago Madruga, Country Manager de Red Hat para España e Portugal presente no acto da sinatura, salientaron a importancia dun acordo que lles vai permitir aos profesionais galegos obter unha formación de alta calidade en tecnoloxías en crecemento.
O convenio, que tamén é o primeiro deste tipo que se asina en Europa entre Red Hat e unha administración pública, ten por obxecto iniciar unha liña de colaboración estábel entre ambas as dúas partes dirixida a impartir formación oficial certificada e dotar o mercado de profesionais cualificados ao máximo nivel.
 
Ambas partes comprométense a definir fórmulas de cooperación e canles de comunicación que permitan detectar a evolución e tendencias do sector, para  a elaboración de programas formativos que se axusten e anticipen á demanda real do mercado.
O acordo inclúe o desenvolvemento de seminarios tecnolóxicos, presentación de novos produtos e accións informativas ou sensibilizadoras que sexan de interese para o tecido produtivo da comunidade autónoma galega.
Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal