Recentemente anunciouse nunha breve nota na páxina do proxecto Mono a publicación da versión 2.4 da plataforma Mono , así como da versión 2.0 do contorno de desenvolvemento MonoDevelop .
O proxecto Mono é unha iniciativa de desenvolvemento aberto patrocinada por Novell para crear unha versión para UNIX, en código aberto, da plataforma de desenvolvemento .NET de Microsoft. O seu obxectivo é permitirlles as persoas desenvolvedoras de UNIX construír e despregar aplicativos multiplataforma en .NET.
MonoDevelop é un contorno integrado de desenvolvemento (ou IDE, polas súas siglas en inglés) deseñado principalmente para C# e outras linguaxes incluídas na plataforma .NET. Permítelle aos desenvolvedores escribir rapidamente aplicativos para escritorio ou web en ASP.NET dende Linux. Tamén facilita o proceso de portar a Linux aplicativos en .NET creados coa ferramenta Visual Studio e manter unha única base de código fonte para todas as plataformas.
