Mancomún

Trasno publica novas memorias de tradución dos proxectos que coordina

Xoves, 12 Abril 2012

Logotipo de TrasnoO proxecto Trasno acaba de facer públicas varias memorias de tradución en formato estándar TMX (Translation Memory eXchange) correspondentes ás traducións máis recentes realizadas por varios do proxectos de localización que se desenvolven ao abeiro do proxecto Trasno entre os que se atopan Mozilla Firefox e Thunderbird, LibreOffice ou GNOME. Estas incorpóranse á lista de memorias de tradución do Proxecto Trasno que inclúe xa máis de vinte memorias de tradución de diversos proxectos de software libre.

Destacar que as novas memorias inclúen os cambios realizados para reflectir os últimos acordos de terminoloxía adoptados nas Trasnadas impulsadas polo Proxecto Trasno.

Segundo explican dende Trasno, “Ao longo dos moitos anos de traballo do Proxecto Trasno traducíronse multitude de programas e proxectos de software libre, o que implicou a localización de centos de miles de cadeas de texto. Dado que ese gran número de traducións pode ser de grande axuda, desde o Proxecto Trasno queremos poñer á disposición de todas aquelas persoas interesadas as memorias de tradución en formato TMX que se xeraron para algúns dos proxectos, programas e documentación que se traduciu no Proxecto Trasno, ou noutros organismos ou empresas relacionadas co software libre.
As memorias de tradución (MT) son ficheiros que recollen os textos orixinais nunha lingua aliñados coa súa tradución noutra. Estas memorias poden empregarse posteriormente en programas de asistencia á tradución por computador (Computer Aided Translation) de maneira que durante a tradución de novos proxectos a ferramenta empregada ofreceranos posibles traducións para os novos textos en función dos textos xa traducidos semellantes.

A importancia destas memorias de tradución, ademais da compendio lingüístico que supoñen e a axuda que ofrecen de cara ao futuro para o mantemento da coherencia nas traducións e no emprego de nova terminoloxía, teñen o valor engadido de estaren no formato estándar aberto TMX, o que supón que non dependemos da necesidade dun software concreto para o emprego das mesmas.

Todas estas memorias de tradución están dispoñíbeis para a súa libre utilización noutros proxectos de localización, o que permitirá que as traducións realizadas sexan máis homoxéneas e se realicen de forma máis rápida.

Entre os proxectos que contribuíron con memorias de tradución encóntranse a comunidade de tradutores de produtos de Mozilla ao galego, o grupo de localización ao galego de GNOME, o grupo de tradución de LibreOffice , o propio proxecto Trasno, AGASOL, ou a Xunta de Galicia a través de Mancomún.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal