Mancomún

Versión 4.0 de Bash

Luns, 2 Marzo 2009
Recentemente anunciouse a dispoñibilidade da versión 4.0 de Bash . Trátase da cuarta versión maior da Bourne-Again Shell (“outro intérprete de comandos Bourne”).

Bash é o intérprete de comandos predeterminado na maioría de sistemas GNU/Linux, así coma no sistema MacOS X, e pode instalarse e usarse na maioría de sistemas de tipo UNIX. Como curiosidade, Bash tamén funciona en contornos Windows, grazas aos esforzos do proxecto Cygwin .

Bash é unha evolución do intérprete de comandos clásico de UNIX sh (a Bourne Shell orixinal). É plenamente compatíbel con sh, pero ademais inclúe características propias que a melloran e resultan moi útiles tanto para o uso interactivo como para empregalas dentro de scripts.

Bash (e os intérpretes de comandos en xeral) é unha peza indispensábel dentro dun sistema GNU. Historicamente, eran o único xeito que había para a interacción co ordenador. Ademais, o arranque do sistema depende en grande medida de que un intérprete procese os scripts de inicio.

Nestes últimos anos, o uso dos intérpretes de comandos pode parecer algo anecdótico fronte aos modernos contornos de escritorio como poden ser Gnome ou KDE. Sen embargo, os intérpretes de comandos seguen a resultar indispensábeis para a administración de servidores e para algunhas persoas usuarias, que atoparon nos intérpretes de comandos e nas utilidades de consola un contorno altamente produtivo.

 

As melloras engadidas nesta nova versión de Bash inclúen:

  • A instrución “coproc”: Bash 4 permite arrancar un proceso nun segundo plano e a comunicación cos seus fluxos de entrada e saída.
  • A instrución “mapfile”. O comando interno “mapfile” , permite converter liñas dun ficheiro directamente en membros dun array.
  • Cambios na instrución “case”. Cambios na sintaxe desta instrución permiten un maior control no fluxo de execución.
  • Arrays asociativos. Un array asociativo é un array indexado non con base nos números, senón baseándose nunha cadea arbitraria. Bash 4 admite o uso de arrays asociativos.

Podemos atopar nesta ligazón unha ollada xeral ás novidades de Bash 4.0.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal