Cómpre destacar que todos os desenvolvementos realizados pola empresa licitadora para a execución do servizo deberán ter unha licenza compatíbel coa GPL e recoñecida pola FSF. Os desenvolvementos icorporados que sexan realizados por terceiros deberán ter tamén unha licenza libre, aínda que neste caso admítese calquera das licenzas recoñecidas pola FSF ou pola OSI .
Ademais toda a documentación elaborada deberá ser entregada cunha licenza de documentación libre recoñecida pola FSF e en formato ODF (OASIS Open Document Format, norma ISO/IEC 26300).
O servizo licitado inclúe, entre outras actividades, a migración da plataforma actual de correo sen perda de información asociada ás contas de correo electrónico existentes; integración dun sistema de listas de distribución, dun sistema de notificación contra o spam, ambos integrados na interface web do correo que deberá cumprir o estándar WAI-AA da W3C; integración dun mecanismo de copias de seguranza para o sistema e as caixas de correo; instalación, configuración e parametrización da solución dentro do hardware proporcionado pola Consellería; formación ao persoal que designe a Consellería na arquitectura; parametrización e explotación do novo sistema de correo implantado e o servizo de soporte técnico a partir da posta en produción do sistema e durante un período de 2 anos.
