Actividades da asociación Galpón para 2024

Martes, 27 Febreiro 2024
Actividades da asociación Galpón para 2024

En 2024 Galpón (Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra), ten prevista a realización dunha serie de obradoiros, dous deles enfocados na seguridade e outros dous no uso de software para fotografía e para radioafeccionados.

logo de Galpón

Para poder participar, debedes inscribirvos na plataforma Mobilizon, na ligazón que acompaña cada título de evento.

Nota: lembrar que a plataforma Mobilizon é software libre, neste caso aloxada por Framasoft, ao contrario que Meetup non fai rastrexos nin garda ningunha información de uso por parte dos usuarios.

Aconsellámosvos que acudades provistos dun PC (ou semellante) preferentemente provisto dun S.O. libre. Nós disporemos de algúns USB (con conectador A e C) para que poidades facer as prácticas (se é que vós non dispoñedes dun).

deseño dun sistema de autenticación con segundo factor

Sistemas de autenticación con segundo factor (A2F) mediante chave USB

Venres 8 de marzo

Rexistro: https://mobilizon.fr/events/ef9ec972-56d3-4227-982a-d9b85150e2f3

No uso e administración dos sistemas Linux, os usuarios comezan por autenticarse co sistema que pretenden utilizar ou administrar. A forma máis común é autenticarse mediante un nome de usuario e un contrasinal, mais no sistema operativo GNU/Linux pode utilizar varios métodos para realizar esa autenticación.

Neste obradoiro práctico amosarase como autenticarse nos accesos (login) en máquinas Linux utilizando un dispositivo físico (memoria USB) como elemento necesario para acceder ao sistema.

Para iso empregarase o sistema PAM (Pluggable Authentication Modules), e concretamente o módulo pam_usb, que amosa a súa instalación, configuración e integración co sistema PAM Linux. O acceso ao sistema amosarase só mediante a memoria USB, sen ningún contrasinal, así como o seu uso como segundo factor de autenticación, precisando neste caso a memoria USB e un contrasinal para acceder.

Software libre para fotógrafos, uso básico de darktable

Venres 15 de marzo

Rexistro: https://mobilizon.fr/events/f47505e5-c055-419d-9c5d-7c601982bcb5

Nos últimos 20 anos a fotografía experimentou un gran cambio tecnolóxico. A dixitalización provocou un crecemento exponencial da cantidade e calidade das fotografías que podemos facer, conseguindo así milleiros de arquivos, en distintos formatos, que teremos que xestionar. Para axudarnos, aparecen diversos programas especializados en catalogar, almacenar e procesar todos estes ficheiros. Neste obradoiro de software libre para fotógrafos exploraremos o fluxo de traballo dunha fotografía e como podemos axudarnos con programas gratuítos de alta calidade, como Darktable, para facilitar a xestión diaria das fotografías que acumulamos.

Software libre para radioafeccionados

Venres 12 de abril

Rexistro: https://mobilizon.fr/events/0e39d53f-b800-4374-892f-b299f5a4896f

Dende os seus inicios, a radioafección estivo relacionada coa investigación técnica no campo das radiotelecomunicacións por parte dos afeccionados a esta tecnoloxía. A medida que a tecnoloxía de radio se dixitalizou, fíxose posible enviar e recibir comunicacións por radio entre ordenadores conectados tanto a Internet como transceptores. A dixitalización tamén permitiu o desenvolvemento da radio definida por software (SDR), que permite o tratamento (modulación, demodulación, filtrado, decodificación…) dos sinais de radio captados por unha antena. Neste obradoiro veremos diferentes softwares libres empregados polos radioafeccionados para facilitar o exercicio desta afección.

Introdución ao uso de nftables para construír devasas personalizadas

Venres 19 de abril

Rexistro: https://mobilizon.fr/events/feafca59-e14c-41b8-8cf8-0d5f4a33531d

Actualmente, no mundo hiperconectado no que vivimos, a seguridade informática é fundamental. Un elemento principal e imprescindible neste ámbito é o cortalumes, elemento que nos permite filtrar o tráfico segundo os nosos intereses, e que constitúe unha primeira gran barreira fronte á inmensidade de conexións que aparecen en calquera dispositivo conectado a Internet.

Comprender como se conectan os dispositivos de rede IP entre si é esencial para filtrar o tráfico e eliminar todo o que pode ser potencialmente perigoso para os sistemas e os usuarios.

O sistema GNU/Linux integra no seu núcleo unha estrutura que permite filtrar e manipular o tráfico dun xeito eficiente: nftables.

Neste obradoiro mostraremos as ferramentas que nos proporciona o proxecto Netfilter para construír cortalumes adaptados a cada necesidade que poidamos ter, dende redes sinxelas ata sistemas segmentados e complexos. Tamén se verán utilidades que usan nftables pero que facilitan a implantación para os usuarios, como firewalld.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal