Mancomún

Escola de Verán 2026, talleres e charlas de software libre

Luns, 29 Xuño 2026
Escola de Verán 2026, talleres e charlas de software libre

Enxeñería Sen Fronteiras Galicia organiza a súa Escola de Verán 2026, unha semana chea de talleres e charlas (gratuítos), para introducir aos asistentes a ferramentas e proxectos de tecnoloxías libres. Non fai falta ter coñecementos previos: os talleres están pensados para que calquera persoa con curiosidade poida aprender e participar.

Cando e onde

A actividade terá lugar do 13 ao 17 de xullo de 2026 na Sala de Grados 2 da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña, no Campus de Elviña (A Coruña). Aconséllase aos asistentes traer o seu propio portátil cos programas necesarios instalados para cada taller.

Once charlas/talleres para todos os gustos

O programa inclúe once propostas moi variadas que percorren desde a radiocomunicación sen licenza ata a tradución colaborativa de software, pasando por electrónica, modelado 3D, redes sen internet e accesibilidade:

  • Bandas Libres (13 de xullo): introdución ás radiocomunicacións sen licenza —PMR446, Banda Ciudadana e Meshtastic— con actividades prácticas para comunicarse.
  • Modelado 3D con FreeCAD e cálculo por elementos finitos (13 de xullo): achegamento á ferramenta libre de deseño 3D FreeCAD e análise estrutural das pezas creadas.
  • Introdución á electrónica (13 de xullo): conceptos básicos para aprender a reparar ou crear os propios dispositivos electrónicos.
  • Meshtastic: comunicación á marxe de Internet (14 de xullo): como montar o primeiro nodo nunha rede mallada descentralizada e supervisala con MeshMonitor.
  • Caixa de ferramentas para administración de sistemas (14 de xullo): fluxo de traballo real con ferramentas como restic, Gotify e Uptime Kuma para xestionar equipos e servidores de forma libre, segura e automatizada.
  • Desenvolvendo unha aplicación de accesibilidade en RV con Godot (15 de xullo): introdución ao motor de videoxogos libre Godot e demostración do proxecto VRAO, unha app de realidade virtual para persoas con mobilidade reducida.
  • Debate sobre IA xenerativa en formato Open Space (15 de xullo): un espazo aberto a todo o público para reflexionar sobre a intelixencia artificial xerativa.
  • Fotografía e fotogrametría con drons + Blender (16 de xullo): modelado 3D a partir de fotografía aérea con WebODM e retoque posterior en Blender.
  • Como empezar no Fediverso (16 de xullo): introdución ás redes sociais federadas e descentralizadas como alternativa ao modelo das grandes plataformas.
  • Como mellorar a accesibilidade dos teus contidos multimedia e ofimáticos (17 de xullo): consellos prácticos para facer máis accesibles documentos, vídeos, imaxes e páxinas web.
  • Taller de tradución de software libre ao galego (17 de xullo): aprende a contribuír traducindo WordPress e os produtos Mozilla (Firefox) mediante as plataformas translate.wordpress.org e Pontoon. Non se precisan coñecementos técnicos, só un nivel básico de inglés e ganas de participar.

Encontro anual dos bancos de reciclaxe electrónica de Galicia

O 15 de xullo pola noite celebrarase tamén o Encontro dos bancos e banquetas de reciclaxe electrónicos galegos, unha reunión anual informal dos distintos colectivos galegos dedicados á reciclaxe e reutilización de dispositivos electrónicos.

Como apuntarse

A inscrición xa está aberta. Abonda con enviar un correo indicando os talleres de interese a: bancoreciclaxecoruna@galicia.isf.es

Os materiais e presentacións dos talleres estarán dispoñibles proximamente nun repositorio público. Máis información na web do evento

 Cartel do evento. Fondo negro co texto en branco das diferentes actividades. No canto inferior esquerdo aparece o logotipo de Enxeñería Sen Fronteiras. Na parte superior lese "Escola de verán", e debaixo, en letra máis pequena, a dirección Escola Técnica Superior de Camiños Canais e Portos de A Coruña, 13 a 17 de xullo, indicada no canto inferior dereito.
Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal