Do 26 ao 28 de xaneiro, terá lugar no Local social Centro Leste de Pontevedra a Global Game Jam 2024, un evento de creación de videoxogos que terá lugar de maneira simultánea en todo o mundo durante o último fin de semana de xaneiro. “Jam” é unha referencia ás jam sessions musicais. Do mesmo xeito, o obxectivo dunha “game jam” é reunirse e crear un videoxogo.
Organizado por HobbyPont, un grupo de apaixonados polos videoxogos, a programación e a creatividade, a Global Game Jam en Pontevedra medrou en popularidade e participación nas últimas catro edicións.

O evento arrincará o venres ás 17:00 coa revelación do tema, compartido por todos os participantes en todo o mundo. A partir de aí, os entusiastas dos videoxogos, programadores, deseñadores, ilustradores, músicos e escritores uniranse para formar equipos, intercambiar ideas e comezar o proceso de desenvolvemento dos seus videoxogos. A entrega final dos proxectos está programada para o domingo ás 17:00.
O local estará dispoñible 24 horas, permitindo aos participantes traballar sen interrupcións. Ademais, haberá unha zona reservada para aqueles que desexen descansar e recargar enerxías durante o evento.

Licenza dos xogos creados
Os creadores do xogo posúen todos os dereitos de propiedade intelectual. Con todo, o Global Game Jam® pode utilizar os xogos para demostracións como considere oportuno. Todos os xogos deben publicarse no estado en que se atopen ao peche do evento do GGJ, incluíndo tanto o código executable como o código fonte (ou equivalente). Todos os participantes e todos os xogos rexistrados no GGJ deberán aceptar unha licenza Creative Commons BY-SA-NC.
Inscrición
A inscrición é gratuíta. Para inscribirse e obter máis información, visite http://www.HobbyPont.com
Para detalles sobre a Global Game Jam, consulte a web da organización en https://globalgamejam.org
Para consultas adicionais, contacta con Evelio Sánchez Juncal no +34 670 67 42 67 ou por correo electrónico a info@HobbyPont.com
