A filial dixital da compañía ferroviaria nacional alemá Deutsche Bahn, DB Systel, anunciou o seu manifesto de software libre. Coa transición ao software libre, a empresa de loxística planea acelerar a innovación, aumentar a eficiencia, garantir a interoperabilidade e construír as capacidades informáticas da organización.

O CIO/CDO de Deutsche Bahn, Bernd Rattey, comentou:
“Deutsche Bahn comprométese ao uso de software libre e á participación activa na comunidade. O manifesto defende un enfoque profesional ao código aberto que abra novos camiños, comparta coñecementos e sempre aprenda das mellores prácticas doutras empresas”
O manifesto declara o compromiso de Deutsche Bahn non só co software libre, senón tamén en “facelo ben”. A empresa asegura que a súa estratexia é considerar solucións de software libre cando sexa posible, participar coa comunidade, contribuír a iniciativas e respectar directrices.

A política e a ambición de Deutsche Bahn forman parte dun movemento máis amplo de compañías ferroviarias europeas cara o software libre. A principios de 2023, Deutsche Bahn, xunto con Swiss SBB CFF FFS, French SNCF e a Unión Internacional de Ferrocarriles, formaron a OpenRail Association. A misión deste grupo é fomentar o desenvolvemento e o uso de software libre no sector ferroviario.
