Mancomún

Revolution Dome: Deseña estruturas tipo Domo de xeito sinxelo

Luns, 1 Xuño 2026
Revolution Dome: Deseña estruturas tipo Domo de xeito sinxelo

Revolution Domes é un programa libre para calcular a xeometría de estruturas tipo “domo” de revolución.

As xeometrías que manexa son o Zome, o Tipi (cono) e o L-Dome (Low Dome ou domo tendido). Todas elas pódense xerar co número de niveis que se desexe, así como co número de lados do polígono da base.

  • O Zome ou “Zonahedron” ten unha forma ovalada e rematada en punta, e pode servir para construír desde refuxios ata vivendas.

  • O tipi ten forma cónica e funciona moi ben na construción de cubertas apuntadas.

  • O L-Dome recolle a forma dun “cascarón” de esfera e funciona moi ben para deseñar cubertas máis tendidas, non tan apuntadas.

A imaxe é unha representación tridimensional dunha estrutura de forma cúpula co exterior azul e o interior verde. Unha persoa está de pé no lado dereito da cúpula, mirando cara a ela. O fondo é branco, o que ofrece contraste coa cúpula azul.

Ademais destas formas, tamén permite implementar un “tambor” ou alza inferior que consiste nun cilindro que serve para axustar as outras xeometrías e realizar estruturas máis versátiles e adaptables ás necesidades de cada persoa usuaria.

Como representación das formas preferiuse unha vista en planta e alzado cun debuxo dunha persoa, xa que son representacións moi empregadas en arquitectura e enxeñaría, escalan a estrutura e amosan dunha ollada as formas e proporcións da xeometría deseñada.

Ademais, para a obtención dos valores xeométricos que permitirán a construción destas estruturas, o programa xera un informe en formato txt con todos os valores necesarios, desde a lonxitude das barras, alturas de cada nivel, radios, superficie en planta….

En canto ao programa, está realizado en linguaxe HTML e Javascript para facilitar a execución e o manexo a persoas usuarias sen coñecementos de programación (pódese abrir desde calquera navegador de internet). Así mesmo, o código é accesible e nel detállase a maneira de calcular a xeometría deste tipo de estruturas, para poder implementala noutros programas de maior envergadura. Simplemente cómpre descargar os arquivos do repositorio nun mesmo cartafol, executar o html e comezar a calcular.

Abonda con usar un pouco a imaxinación e aventurarse a construír. Esta ferramenta foi desenvolvida por Martín Moreda en formato de acceso libre grazas a fondos da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

Información extraída da web de Enxeñería Sen Fronteiras Galicia: https://galicia.isf.es/blog/nova-ferramenta-libre-revolution-domes-desena-estruturas-tipo-domo-de-xeito-sinxelo/

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal