Películas, música, documentos, libros, cómics, programas informáticos, todas estas obras teñen en común a lei que as protexe. Todas as creacións intelectuais son propietarias por defecto, con todo, os autores poden conceder ao público permiso para utilizar o seu traballo creativo baixo a lei de dereitos de autor, e os autores poden utilizar licenzas abertas para poñer o seu contido ao dispor de todo o mundo.
A Oficina de Software Libre da Xunta de Galicia decidiu facilitar a tarefa de liberar contidos e software e crear unha guía aberta para aplicar licenzas abertas e xestionar a súa comunidade. Esta guía forma parte das accións levadas a cabo pola Xunta de Galicia, que anualmente establece un plan de acción para promover o incremento do uso do software libre en Galicia, nas empresas, a administración pública e a cidadanía, sempre no marco da Estratexia Galicia Dixital 2030.

O vindeiro 15 de febreiro, ás 17:00 horas, a Oficina de Software Libre impartirá un webinar sobre a Guía de boas prácticas para a liberación de contidos e software da Xunta de Galicia, a través do programa OSPOlogy da Linux Foundation.
A oficina de software libre da Amtega, foi invitada a facer esta presentación da guía, polo interese que despertou esta iniciativa entre os membros do TODO Group da Linux Foundation, do que forman parte organizacións e empresas de todo o mundo.

Será posible a súa visualización a posteriori a través da canle de Youtube do TODO Group.
Guía de boas prácticas para liberación de contidos e software
Esta nova guía, dispoñible para a súa descarga no portal Mancomún, foi creada dende un principio pensando non tanto como guía de uso interno, senón para o público xeral. É por isto que se lle deu un estilo máis didáctico, tratando de achegar os contidos dun xeito e cunha linguaxe máis cotián.

A guía comeza cunha introdución á Propiedade Intelectual e normativas que a regulan, nunha linguaxe simple de fácil comprensión por todo o mundo. Explícase o concepto de licenza de uso, que tipos de licenzas hai no eido do software libre, que implicacións ten apostar por un tipo ou por outras ou as compatibilidades e incompatibilidades que hai entre elas. Segundo se vai adentrando máis nela, a persoa lectora, atopará cales son os pasos a seguir e os aspectos que ter en conta para publicar contidos con licenzas libres e tamén como publicar un proxecto software baixo unha licenza destas características.
O TODO Group da Linux Foundation
A Linux Foundation é unha organización internacional que trata de impulsar a industria a través do fomento da colaboración e creación de comunidade ao redor de proxectos de código aberto. Nesta organización participan case todas as empresas tecnolóxicas máis importantes a nivel mundial.

Unha das súas iniciativas é o TODO Group, unha comunidade de organizacións interesadas en fomentar a implantación de Oficinas de Software Libre dentro das organizacións. Moitas empresas e organizacións a nivel mundial están a comprender que a súa relación coas comunidades e proxectos de software libre é un beneficio mutuo, por tanto están xurdindo cada vez máis iniciativas para crear oficinas de software libre (OSPO), como un departamento máis dentro destas, que canalice esas relacións. O TODO Group trata de xerar recursos para axudar a implantación con éxito destas oficinas.