Wiki Loves Monuments 2023, concurso fotográfico sobre monumentos organizado pola xente de Wikimedia en distintos países, levarase a cabo entre o 1 e o 30 de setembro. Calquera persoa pode subir imaxes de monumentos baixo unha licenza libre, para o seu uso nos artigos de Wikipedia, noutros proxectos Wikimedia, e en calquera outro lugar.
O concurso consta de dúas fases. Unha primeira fase nacional, valorada por un xurado nacional e que premia aos tres primeiros postos; e unha segunda fase internacional, valorada por un xurado internacional onde participarán as 10 fotografías finalistas de cada país participante.
Imaxe: Logo oficial de Wiki loves monuments
As regras básicas do concurso son:
– Fotografar monumentos (teñan ou non foto previa).
– Subir as fotografías a Wikimedia Commons cunha licenza libre entre o 1 e o 30 de setembro de 2023.
– As fotos deben ser realizadas e subidas polas persoas participantes.
– Incluír o identificador do monumento no formulario de subida das fotografías.
– Non hai límite ao número de imaxes que podes subir e podes participar con calquera cámara.
Reto de Monumentos
Baixo o contexto da celebración do concurso fotográfico Wiki Loves Monuments durante setembro de 2023, desde Wikimedia España propoñen o Reto dos Monumentos, un reto de redacción de novos artigos sobre monumentos, co obxectivo de aumentar o contido existente en Wikipedia sobre o patrimonio material -tanto histórico como cultural- en calquera parte do mundo, entendendo que moitos monumentos aínda carecen na actualidade de artigos propios en Wikipedia, en calquera das súas versións.
Imaxe: De Virum Mundi – Trabajo propio, CC BY-SA 4.0, https://commons.wikimedia.org/w/index.php?curid=134567224
Do 1 ao 30 de setembro, calquera usuario rexistrado poderá participar deste reto. Para iso, debes ir á páxina ‘Participantes’ e apuntarche.