Mancomún

WOW-BE renace como plataforma de código aberto

Mércores, 23 Setembro 2026
WOW-BE renace como plataforma de código aberto

O Instituto Real de Meteoroloxía de Bélxica (RMI, polas súas siglas en inglés) deu un paso adiante na aposta polo software libre: reformulou por completo o seu portal de estacións meteorolóxicas persoais, o WOW-BE (Weather Observations Website Belgium), converténdoo nunha plataforma independente, de datos abertos e código aberto.

A imaxe presenta unha vista aérea dun grande campo aberto con varios edificios dispersos. Algúns das construcións son brancos, mentres que outros teñen teitos marróns. Vexese que hai algunhas árbores interpostos entre os edificios. No primeiro plano, hai un grupo de persoas reunidas arredor dunha tenda branca e unha casa máis pequena.

WOW-BE

WOW-BE é unha plataforma colaborativa na que calquera persoa propietaria dunha estación meteorolóxica particular pode achegar as súas medicións. Toda esa información se amosa despois nun mapa compartido, accesible para o público en xeral. Ata agora, o proxecto formaba parte da iniciativa internacional WOW (Weather Observation Website), xestionada polo servizo meteorolóxico nacional do Reino Unido, o UK Met Office.

Por que o cambio

Todo comezou cando o UK Met Office decidiu deixar de xestionar de forma centralizada os datos de WOW a partir de 2026. Isto puxo ao RMI, como socio pequeno dentro da rede, ante unha decisión importante: deixar de ofrecer o servizo de estacións persoais ou construír a súa propia solución dende cero.

En lugar de mudarse a outro provedor externo, o RMI optou por desenvolver o seu propio backend en código aberto e desconectouse da plataforma do Met Office o 31 de decembro de 2025. Fronte ao antigo sistema, que funcionaba cunha API pechada e de pago xestionada integramente polos británicos, a nova solución é autoxestionada (self-hosted) e deixa tanto os datos recollidos coma o software que os xestiona abertos a toda a cidadanía.

Maarten Reyniers, responsable do proxecto WOW-BE e científico principal de (INCA-BE) no RMI, resume así a motivación do cambio: “Queriamos amosar que abrir o teu código fonte podía ser unha estratexia alternativa viable, unha que mantén o proxecto vivo ao facer medrar a comunidade de xente que pode contribuír e mellorar a plataforma”.

Novidades para as persoas usuarias

O relanzamento non só trouxo un cambio de filosofía, senón tamén melloras prácticas:

  • Rexistro de estacións máis sinxelo, dispoñible en neerlandés, francés e inglés.
  • Novas medicións de radiación solar.
  • Lecturas de presión atmosférica máis claras e comprensibles.

Un pequeno cambio cultural dentro do RMI

Adoptar o código aberto non foi só unha decisión técnica, senón tamén un reto interno. Segundo explica Reyniers: “Xa tiñamos algunhas cousas pequenas publicadas como código aberto, pero non desta dimensión. Requiriu un certo cambio cultural no noso equipo de TI. Tiñamos un sistema de control de versións interno, pero durante o desenvolvemento estivemos a traballar con dous repositorios en paralelo, un interno e o público en GitHub, e non estaban sincronizados”. Finalmente, o equipo decidiu pechar o repositorio interno e usar GitHub como único repositorio oficial, “un cambio pequeno pero real na mentalidade do noso persoal de TI”.

Da plataforma nacional a unha rede europea

Reyniers non esconde as súas ambicións de futuro para o proxecto. Case unha década despois de que o RMI se sumase á iniciativa WOW, a súa idea é que outras institucións meteorolóxicas adopten a mesma base de código e que as distintas implantacións nacionais se conecten entre si nunha plataforma federada. “Aínda é máis unha visión ca unha realidade, pero a idea é que outros institutos adopten a mesma base de código e conectemos eses despregamentos nacionais nunha plataforma federada. Os antigos socios de WOW serían o punto de partida natural, pero podería ir máis alá”, explica.

Nese sentido, xa hai un sinal concreto de interese a nivel europeo: EUMETNET, a rede de servizos meteorolóxicos europeos, amosou interese en implantar esta solución de xeito compartido para as estacións meteorolóxicas persoais de todo o continente. Aínda é un proxecto en fase inicial, pero o interese xa está enriba da mesa.


Fonte: Interoperable Europe – Open Source Observatory (OSOR)

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal