Mancomún
Martes, 17 Novembro 2026 | Jorge Lama, Julián Caro

Julián Caro abre a caixa de Arduino en Mancomún Podcast

Episodio 141

Neste episodio de Mancomún Podcast falamos con Julián Caro Linares, Tech Evangelist de Arduino, sobre a nova UNO Q, a intelixencia artificial que corre nunha placa, o hardware libre na aula e unha cabra conectada á nube que chama a xantar en varios países de Europa.

Imaxe dun home con gorra de paxaro e gafas de montura negra, sonriendo e facendo un pulgar cara arriba. Viste unha camisola branca cun logotipo verde no lado dereito do peito. O fondo está desenfocado, pero é visible un entorno ao aire libre con vexetación e posiblemente persoas.

Na pasada OSHWDEM 2026, no Museo Domus da Coruña, Julián Caro e Iraisy Figueroa impartiron un obradoiro sobre a Arduino UNO Q. Saímos de alí con dúas cousas claras: que aquela placa daba moito xogo e que tiñamos que sentar a Julián diante dun micrófono. Así que aquí o tedes.

Quen é Julián Caro?

El mesmo preséntase así: «un maker de corazón que de pequeño quería ser inventor». Como a carreira de inventor non existía, estudou Electrónica e Automática e despois un máster en Robótica. Pasou polo departamento de I+D e Educación de BQ, traballou con robots como Pepper ou Jibo e desde 2025 dedícase a contarlle ao mundo todo o que se pode facer cunha placa Arduino.

E que fai exactamente un evanxelista tecnolóxico? Non leva sotana, prometido. É unha mestura de perfil técnico e social: viaxar, crear proxectos, falar coa comunidade e, como el di, ter «o honor de representar a empresa» nun dos traballos máis bonitos que se poden ter.

Arduino xa non é só «a placa para acender un LED»

Moita xente quedou no Arduino UNO de toda a vida, pero desde aquela pasaron máis de 21 anos e saíron entre 60 e 70 produtos. Arduino xa fai mesmo PLC’s para a industria. A gran novidade é a UNO Q, unha placa con dous cerebros:

  • Un microprocesador que move Debian Linux, como un pequeno ordenador, para as tarefas «de pensar»: visión por computador, modelos de IA…
  • Un microcontrolador STM32, o Arduino de sempre, que controla motores e sensores en tempo real.

Julián explícao cunha imaxe moi doméstica: cociñar mentres che contan como foi o día, os cativos berran no corredor e a tele dá as noticias. Parece que fas todo á vez, pero en realidade saltas dunha cousa a outra. Os ordenadores fan o mesmo e por iso ás veces chegan tarde. O microcontrolador faino moi rápido e só fai unha cousa. Xúntaos e tes o mellor dos dous mundos.

Para programar todo isto está Arduino App Lab, onde o código Python e o sketch de Arduino conviven no mesmo proxecto. Os bricks fan que instalar unha rede neuronal sexa tan doado como engadir unha biblioteca. Para os proxectos máis ambiciosos, sobre todo en robótica, chega a VENTUNO Q, coa idea de que todo corra en local: «é importante que controles a tecnoloxía que tes e que a entendas».

A cabra, ou como chamar a xantar

Se tiveramos que escoller un momento do episodio, sería a historia da cabra. Unha compañeira de Julián mercou unha desas cabras de xoguete que berran ao premer un botón. Como traballaban en Arduino, Julián conectoulle unha placa con wifi e enlazouna a Arduino Cloud. Resultado: cando unha cabra berra, berran todas.

Hoxe hai máis de 30 cabras conectadas e os compañeiros da oficina úsanas para avisar de que é hora de comer. Parece absurdo, pero tamén explica moi ben o que se pode facer con hardware libre: teleasistencia, sincronización e, sobre todo, conexión humana.

Arduino na aula: hardware de verdade

Por que funciona tan ben Arduino nos centros educativos? Segundo Julián, por dúas razóns. Por unha banda, un entorno sinxelo e accesible para todo o mundo. Pola outra, que é electrónica real: a mesma que se usa na universidade, sen caixas pechadas. Se algo se queima, forma parte da aprendizaxe.

E ao profesorado que ten medo de «non saber de electrónica», recoméndalle empezar polo mesmo sitio que o seu alumnado: un kit, uns sensores, un titorial e moitas ganas de trastear. Tamén lle pide paciencia e que non dubide en pedir axuda á comunidade.

Julián fai un chamamento á mocidade. A pandemia cortou o relevo nas asociacións maker e agora toca recuperalo. Non fai falta ser un influencer con proxectos espectaculares: chega cun Arduino, unha impresora 3D e ganas de compartir. Se queredes botar unha man na organización da próxima OSHWDEM, xa sabedes: a xente de Bricolabs espéravos.

Deberes para a fin de semana

Pedímoslle un proxecto para facer na casa e deunos un ben útil: un asistente de estudo. Pós unha cámara enfocando á mesa e conectada a unha UNO Q, e a IA detecta se tes o móbil diante. Se o tes, soa un buzzer e chega unha mensaxe por Telegram: «Que fas mirando Instagram outra vez? Deberías estar estudando!». E todo en local, sen que ningunha imaxe saia da túa placa.

Resposta rápida

Pechamos cunha rolda de preguntas para responder sen pensar:

  • UNO clásico ou UNO Q? UNO Q.
  • C++ ou Python? C++.
  • Protoboard ou soldador? Soldador.
  • Demo en directo ou vídeo gravado? Demo en directo… e nada de diapositivas, por favor.
  • Un sensor imprescindible na mochila? O de distancia: resolve todo.
  • Un proxecto pendente? O seu propio robot social, e coa UNO Q pensa facelo por fin.

Escoita o episodio

Dálle ao play para escoitar a conversa enteira, con Evangelion, FPGA libres, ROS e moito máis. Podes seguir a Julián como jcarolinares en Instagram, TikTok, Twitter, Threads, Bluesky e LinkedIn. E se fixestes algo chulo con Arduino, contádello: «é literalmente o meu traballo e o meu pracer compartilo».

Porque, como dicimos sempre, cunha placa, catro cables e moitas ganas pódese cambiar o mundo… ou polo menos encender un LED.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal