Neste episodio de Mancomún, o podcast onde falamos de software, hardware libre e cultura libre en Galicia, achegámonos ao programa Mulleres Tecnólogas para o Ben Común, unha iniciativa de Enxeñería Sen Fronteiras Galicia que leva mulleres relacionadas coa tecnoloxía ás aulas de secundaria e Formación Profesional. O obxectivo é doble: que o alumnado, e sobre todo as rapazas, teña referentes reais que amosen que a tecnoloxía tamén é cousa súa, e cuestionar para que serve realmente a tecnoloxía, poñéndoa ao servizo do ben común.
Este episodio forma parte da serie Faladoiras de Mancomún, dentro do Proxecto #MulleresEnTech que busca dar a coñecer a referentes femininos e potencia a súa presenza en varios ámbitos.

A protagonista desta conversa é Laura Pérez, enxeñeira en telecomunicacións e, dende hai seis anos, profesora de tecnoloxía en ciclos de Formación Profesional de informática nun centro da zona de Valdeorras. Laura colabora con Enxeñería Sen Fronteiras organizando Repair Cafés cos seus alumnos e forma parte do proxecto Hackers Sen Fronteiras, no que profesorado de FP de toda Galicia busca xeitos de meter sustentabilidade e inclusión no día a día das aulas.
Do máster habilitante á aula rural
Laura conta que sempre tivo “o gusanillo” da docencia, aínda que a súa formación en enxeñaría non a habilitaba directamente para dar clase. Foi durante a pandemia cando decidiu facer o máster habilitante e meterse de cheo no ensino. Hoxe imparte clase de informática nun centro rural, un contexto que, na súa opinión, encaixa moi ben co espírito de Enxeñería Sen Fronteiras: achegar a tecnoloxía a zonas onde adoita chegar menos, e sobre todo ás nenas, que aquí case non se animan a cursar este tipo de formación.
Un dos mitos que máis rebate é o dos “nativos dixitais”: moitos rapaces chegan ás súas clases convencidos de que xa saben moito de tecnoloxía, e esa falsa confianza convértese nunha barreira á hora de aprender as bases. Cando descobren que non é así, algúns chegan mesmo a abandonar os ciclos por non atopar o que esperaban.
Repair Cafés: reparar como excusa para aprender
Os Repair Cafés son, na súa definición, “unha excusa para reunirse ao redor da tecnoloxía”. Trátase dun movemento internacional nado en Ámsterdam en 2009 e hoxe presente en decenas de países, cuxo lema é “Tiralo? ¡Nin pensalo!”. Alí, alumnado e persoas de fóra do ámbito académico dánlle unha segunda vida a aparellos electrónicos, combinando software libre coa reparación de compoñentes. Para os rapaces supón saír da rutina da aula, e Laura observa que, malia certas reticencias iniciais, acaban moi entusiasmados e aprenden moito máis que cun libro de texto: sobre todo a parte práctica, pero tamén unha reflexión ética sobre o consumo tecnolóxico e sobre non ser só consumidores, senón parte activa dun sistema que se pode reutilizar e coidar.
Intelixencia artificial: máis perigosa que unha calculadora
Preguntada sobre como usa o alumnado a intelixencia artificial, Laura é clara: non se trata dunha simple calculadora. Os seus estudantes, con acceso constante a internet, empregan a IA para case todo, e iso preocúpaa como docente porque pode substituír o pensamento crítico en vez de complementalo. “Ter algo que che escupe frases, así por dicir, paréceme perigoso, moito máis que unha calculadora”, resume. Ao mesmo tempo, pide que non se estigmatice a esta xeración como “perdida”: cre que hai que axudarlles a confiar na súa propia capacidade de pensar, non repetir os mesmos tópicos que xa se dixeron doutras xeracións.
Hackers Sen Fronteiras: crear rede entre profesorado de toda Galicia
O proxecto Hackers Sen Fronteiras permitiulle ao seu alumnado viaxar dende Valdeorras ata Ourense para participar nun Repair Café na Facultade de Enxeñaría Informática e asistir a unha charla de electrónica ética. A experiencia gustou tanto que repetiron ao curso seguinte. O programa combina charlas e obradoiros sobre seguridade dixital, sustentabilidade, feminismo e soberanía tecnolóxica coa creación colectiva de recursos didácticos, e inclúe unha rede de mulleres tecnólogas, mentorías e un concurso de proxectos didácticos. Para Laura, o valor deste proxecto vai máis alá da actividade concreta: trátase de que o alumnado de zonas rurais vexa que existen outras realidades similares á súa e que non está só, ademais de crear unha rede de profesorado que se apoia mutuamente.
Mulleres na FP: “como dar contra un muro”
Laura non esconde a dureza das cifras. Este curso non tivo ningunha alumna no ciclo medio; o anterior, unha soa, que acabou marchando por non aguantar a presión do alumnado masculino. Para ela isto é “un fracaso do sistema en xeral”. Entre as causas que identifica están a presión social e a imaxe do mundo tecnolóxico como un ámbito hostil e masculinizado, a falsa crenza de que “quen vale fai Bacharelato e quen non, FP”, e sobre todo a falta de referentes.
É aí onde entra o valor do programa Mulleres Tecnólogas: que unha rapaza vexa a unha muller explicando tecnoloxía diante dunha clase fai que se poida apoiar nela, aínda que non se sinta reflectida directamente. Laura conta que, tras cada charla, é habitual que algunha alumna se achegue a preguntar dúbidas ou inquietudes que doutro xeito non compartiría.
Se puidese falar cunha rapaza de 13 anos que aínda non sabe se a tecnoloxía é para ela, Laura o ten claro: a tecnoloxía é para todos e todas, porque é case imposible vivir á marxe dela hoxe en día. O importante é dar o paso, sexa cal sexa a vía educativa escollida.
A conexión coa cultura libre
Para pechar a conversa, Laura conecta todo o anterior coa filosofía do software libre, o fío condutor do podcast Mancomún. Ensinar a arranxar en vez de tirar e compartir coñecemento entre profesorado son, di, “as dúas caras da mesma moeda” que tamén move o movemento do libre: de nada serve reparar se non se transmite ese coñecemento, e de nada serve o coñecemento se non se comparte. Nas súas propias clases, o software libre ten todo o protagonismo, non só porque a Consellería o recomende, senón por convicción ética: quere que o seu alumnado poida seguir usando esas ferramentas onde queira, sen depender de licenzas.
Para saber máis
O programa Mulleres Tecnólogas para o Ben Común conta cun equipo dunhas vinte mulleres tecnólogas —entre docentes, investigadoras, alumnas e profesionais— procedentes de ámbitos tan diversos como a enxeñaría aeroespacial, a hidroxeoloxía, a informática, a enxeñaría civil, as telecomunicacións, a física aplicada, os humanismos dixitais ou a bioconstrución. Dende o curso 2021-2022 xa se realizaron faladoiros en centros como o IES San Rosendo de Mondoñedo, o IES de Curtis, o IES Valadares de Vigo, o IES de Soutomaior ou o IES Monte Carrasco de Cangas.
Podes atopar máis información sobre o programa no blog de Enxeñería Sen Fronteiras Galicia.
