Mancomún
Martes, 8 Setembro 2026 | Jorge Lama, Rafael Rodríguez Galloso

esLibre 2026, cando o software libre viaxou ao corazón de Galicia

Episodio 139

O Congreso de Cultura e Tecnoloxías Libres celebrouse este ano nun municipio de 8.000 habitantes, rompendo o prexuízo de que estes eventos só teñen cabida nas grandes cidades.

A imaxe mostra a páxina do podcast Mancomún "esLibre 2026, cando o software libre viaxou ao centro de Galicia" e a etiqueta EP.139. En destaque, un pinguino negro vestido con gorro de graduación que ten escrito no peito "2026", simbolizando a celebración do software libre en Galicia para ese ano. A entrada clasifícase baixo as categorías de Software Libre, Comunidade e esLibre.

Melide, a vila do corazón de Galicia coñecida polo polbo e polo cruce dos Camiños de Santiago, engadiu este ano un novo motivo de orgullo ao seu currículo: acoller a eslibre 2026, o Congreso de Cultura e Tecnoloxías Libres. Un evento itinerante que en 2026 chegou a este pequeno municipio da provincia de A Coruña da man de dúas asociacións: Melisa (Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide) e Galpón (o grupo de amigos de GNU/Linux de Pontevedra).

Un congreso que non parece un congreso

Esquecede as gravatas, os podios e as inscricións de tres cifras, esLibre é outra cousa. A proposta incluiu charlas e talleres, si, pero tamén comidas compartidas de pé para que todo o mundo fale con todo o mundo, una cea de comunidade o venres pola noite, talleres para nenos e conversas que empezaban nun corredor e remataban horas despois nunha cafetería. Rafael Rodríguez Gayoso, enxeñeiro informático e un dos organizadores de Melisa, explícao con claridade: “O núcleo central son as charlas, pero todo o que hai arredor é igualmente importante”.

A idea de vir a Melide xurdiu na edición anterior celebrada en Valencia. Foi Miguel Bouzada, membro de Galpón, quen propuxo o salto: “E por que non? A seguinte edición do esLibre en Melide”. A resposta, tan galega como contundente, foi: “Por que non?”. E así foi.

Pode sorprender que un congreso de tecnoloxía elixise un municipio de 8.000 habitantes, pero quen coñece Melide sabe que o tamaño non define o potencial. A vila ten vida comercial, unha oferta hostaleira ampliada polo turismo xacobeo e, sobre todo, a vantaxe de que todo queda preto. Durante os dous días do congreso, os asistentes fixeron a pé todos os desprazamentos: as charlas, os restaurantes, as actividades de lecer. Esa proximidade física favoreceu exactamente o tipo de relación humana que os organizadores buscaban.

“Rompemos un esquema preconcebido e alegrámonos de que así fose”, recoñece Galloso.

A implicación institucional foi clave. O Concello de Melide cedeu sen problemas os espazos municipais para as charlas, os talleres, as zonas de descanso e os expositores. O persoal municipal axudou coa loxística: colocación de lonas, movemento de mobiliario e calquera imprevisto de última hora. Radio Melide contribuíu á difusión do evento. E a Amtega (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia) financiou gran parte do congreso.

“O Concello de Melide portouse moi ben coa organización”, sinala Galloso.

Case un ano de traballo voluntario e invisible

Organizar un congreso deste tipo sen estrutura profesional require tempo e constancia. Melisa e Galpón comezaron as xestións en agosto de 2025, case un ano antes do evento. Reservas de espazos, tramitación das axudas, actualizacións da web, coordinación do programa, negociación con provedores… un traballo continuo que se intensifica nos dous últimos meses.

O día a día do congreso contou con 26 voluntarios, moitos dos cales chegaron dous días antes para montar todo e quedaron despois para desmontar. “Ver a un grupo de persoas coordinadas e sincronizadas que están para o que faga falta é unha satisfacción moi grande”, di Galloso.

Un dos momentos máis reveladores da conversa xorde cando se pregunta que significa realmente “cultura libre” para alguén de fóra do mundo tecnolóxico. Galloso recorre a un exemplo ben galego: cando un veciño che explica como facer medrar mellor os tomates ou combater unha praga con métodos ecolóxicos, iso tamén é cultura libre. É compartir coñecemento de forma natural, algo que as xeracións anteriores sempre fixeron e que non debemos perder.

“A cultura libre é como unha filosofía de vida: entender que o coñecemento que obtemos e desfrutamos foi compartido por outros antes ca nós, e que nós tamén debemos facelo”.

Ferramentas como Wikipedia ou OpenStreetMap, que millóns de persoas usan a diario, son exemplos palpables desa filosofía. Funcionan grazas a licenzas libres e ao traballo voluntario de comunidades, non porque alguén as financie con ánimo de lucro.

Do código á ética: un cambio radical

Para quen chega ao movemento dende a programación pura, o salto cara ao plano político e ético pode resultar revelador. Galloso describe esa transición como “ver a luz”: acostumas a traballar nun mundo todo privativo e de repente descubres que hai outra forma de relacionarse coa tecnoloxía, de compartila, de mellorarla. “É un cambio brutal que lle recomendo a calquera que non o experimentara aínda”, anima.

Ao preguntar pola situación da lingua galega no ecosistema do software libre, Galloso destaca o traballo do colectivo voluntario Trasno, responsable durante anos da tradución e localización de aplicacións ao galego. Hai software maioritario traducido ao 100%. Porén, recoñece que sempre se pode mellorar e que a labor debe continuar de forma constante para poñer á disposición dos falantes galegos o maior número posible de ferramentas libres.

A cerimonia de apertura do congreso correu a cargo de Lucía Casal, unha moza gandeira de Melide. Un detalle que resume ben o espírito do evento: tecnoloxía libre e territorio, comunidade e raíces, sen que un exclúa o outro.

“Gustaríame que recordaran un evento feito con moito cariño, con moita paixón e con moito coidado dos detalles. Un evento que soubese onde estaba e de onde viña”, reflexiona Galloso.

Consellos para a próxima edición

Para quen estea pensando en organizar a esLibre do ano que vén, Galloso ten un consello principal: comezar canto antes. Estamos en xuño, o verán pasa rápido e en canto te descoides estás en 2027. Ademais: buscar todos os apoios posibles, delegar funcións, contar con polo menos catro ou cinco persoas desde o principio e apoiarse na experiencia das edicións anteriores. Melisa e Galpón están dispoñibles para compartir o que aprenderon, incluídos os atrancos.

E a pregunta que máis lles gustaría que lles fixesen? “Como participar e colaborar con Galpón e Melisa”. Porque o movemento crece cando máis xente se suma.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal