Mancomún
Venres, 16 Marzo 2018

Balance do plan de acción 2017

PDF

A avaliación das actividades realizadas e o exame de obxectivos alcanzados son dous piares fundamentais de toda estratexia de mellora continua. Así, a AMTEGA vén realizando cada ano estas dúas prácticas como eixo fundamental da súa política de software libre, presentando a través deste balance, as iniciativas levadas a cabo e os principais fitos alcanzados no impulso e difusión do software libre.

Estas iniciativas enmárcanse na estratexia recollida na Axenda Dixital de Galicia 2020 (ADG2020), na que o software libre aparece como un dos principios fundamentais para acadar a xestión eficiente da administración.

O impulso do uso do software libre e de estándares abertos e o fomento da reutilización de solucións, serán ferramentas para garantir a interoperabilidade dos sistemas informáticos e achegar a tecnoloxía á sociedade evitando a dependencia de determinados provedores TIC e os custos recorrentes.

Neste documento recóllense as principais actuacións levadas a cabo durante o ano 2017, atendendo ao recollido no Plan de Acción de Software Libre, divididas entre tres eixes fundamentais: A administración pública, o tecido empresarial e a cidadanía.

No ámbito das administracións públicas, destaca o proceso de migración progresivo dos postos de traballo cara ao paquete ofimático corporativo LibreOffice, co obxectivo de consolidalo como o software ofimático de referencia dentro dos criterios corporativos para a homoxeneización dos postos instalados.

A reutilización e liberación de software segue a ser unha das políticas fundamentais no ámbito da administración pública. Este ano liberáronse dous novos proxectos como software libre por parte da Xunta de Galicia, no que cómpre salientar ademais a colaboración coa comunidade de Ansible cunha contribución directa no proxecto upstream.

Centro Demostrador TIC segue a ser o punto de referencia que aglutina a maioría de actuacións dedicadas ao tecido empresarial galego. Máis de 70 empresas galegas beneficiáronse das súas actividades durante o ano 2017, así mesmo destaca tamén o Centro Demostrador TIC Virtual, no que se despregaron dúas novas solucións de software libre, dispoñibles para que calquera persoa ou entidade as poida avaliar de xeito sinxelo e sen necesidade dunha infraestrutura propia.

O software libre segue a medrar en presenza dentro do tecido empresarial, como se demostra a través dos estudos do Observatorio da Sociedade da Información e da Modernización de Galicia (OSIMGA). Nos datos correspondentes ao ano 2017 amósase una tendencia crecente no emprego de software libre, chegando xa ata case un 55% nas empresas de menos de 9 empregados, e ata máis do 88% nas de máis de 10 empregados.

No tocante ao apartado da cidadanía, este 2017 foi o ano da actualización do portal Mancomún, sitio web que aglutina toda a información relativa ao software libre en Galicia dende hai máis de 10 anos.

A través dos diferentes convenios de colaboración cos axentes do software libre en Galicia, leváronse a cabo máis de 100 actividades en diferentes puntos de Galicia, abertas para todo o público, relacionadas con diversas temáticas tanto no ámbito do software como do hardware libre.

No apartado de formación cómpre destacar que no ano 2017 leváronse a cabo a través da Rede CeMIT máis de 3.700 activades nas que participaron algo máis de 30.000 persoas, das cales practicamente a súa totalidade (o 99%) estivo relacionada con ferramentas de software libre.

Xoves, 16 Marzo 2017

Plan de software libre 2017

PDF

O plan de acción en software libre 2017 mantén como eixos principais de actuación:

  • Fomento de solucións tecnolóxicas baseadas en software libre no sector empresarial.
  • Achegamento do software libre ao conxunto da sociedade.
  • Fomento da reutilización do software na administración pública.

No ámbito empresarial, as actuacións centraranse en potenciar a oferta de solucións tecnolóxicas de calidade dirixidas ás empresas, para favorecer a súa mellora en eficacia e competitividade, primando por suposto as tecnoloxías libres. Como se vén realizando nos últimos anos, estas actuacións desenvolveranse a través do Centro Demostrador TIC como elemento vertebrador das actuacións da Amtega relacionadas co fomento das TIC en xeral e co software libre en particular, dirixidas ao empresariado. Durante o 2017 incrementarase a oferta do Centro Demostrador TIC Virtual con dúas novas aplicacións á disposición das empresas. Ademais, en consonancia coas demandas do sector empresarial, continuarase coa oferta de demostracións e formación en software libre, así como asesoramento particularizado ás pemes en canto a solucións libres adaptadas ás súas necesidades, a través do MapaTIC.gal. Destacar así mesmo a elaboración dun boletín periódico de software libre para empresas que se difundirá a través do portal mancomun.gal.

No ámbito da alfabetización e capacitación avanzada da cidadanía destacar as actuacións que se promoverán a través da Rede CeMIT, a colaboración coas Asociacións de Usuarios de Software Libre de Galicia, e no ámbito educativo as actuacións realizadas a través do proxecto Abalar, e aquelas en colaboración co CIXUG no eido universitario.
Seguiranse a prestar os servizos implantados nos últimos anos en materia de asesoramento na implantación de software libre e seguirase facendo tamén fincapé na difusión tanto para empresas como para a cidadanía.

No eixo de actuación da propia administración pública, a Amtega continuará avanzando no plan de migración do posto do empregado público a ofimática libre, que se prevé que desenvolva a súa última fase durante o ano 2017; manterá o seu compromiso de publicación e liberación de dúas novas solucións de software desenvolvidas pola Xunta de Galicia; e continuará coa súa aposta pola reutilización de software e contidos, impulsando entre os responsables TIC o coñecemento de casos de éxito doutras administracións públicas e por outra parte fomentando o coñecemento dos casos de éxito propios, fóra da nosa comunidade a través do Catálogo do CTT e de Joinup, o portal europeo da reutilización.
A Xunta de Galicia seguirá a ser referencia e exemplo de políticas de eficiencia e bo uso de tecnoloxías libres grazas á implantación de solucións de software libre na súa infraestrutura tecnolóxica coa consecución de aforro e mellora de produtividade, publicando o software que se desenvolve internamente como software libre de cara a fomentar a súa reutilización, establecendo relacións con outras administración e entidades estatais e europeas para colaborar en materia de software libre.
Finalmente, continuarase coa prestación de servizos implantados nos últimos anos en materia de asesoramento na implantación de software libre, formación en tecnoloxías libres aos empregados públicos e a promoción do uso de estándares abertos en todos os novos desenvolvementos.

Xoves, 16 Marzo 2017

Balance do plan de acción 2016

PDF

Neste informe de seguimento do plan de acción 2016 amósanse os principais logros acadados no ano nos tres eixos de actuación principais: Tecido empresarial, cidadanía e administración pública.

No referente ao fomento do software libre no tecido empresarial galego, o Centro Demostrador TIC de Galicia continúa a ser o eixo vertebrador das distintas iniciativas de fomento de software libre nas empresas. En conxunto, durante o ano 2016 mantívose a liña do ano anterior, con máis da metade das actividades organizadas relacionadas co software libre. En particular, cómpre salientar os resultados do CDTIC Virtual a través do cal as empresas poden probar distintas aplicacións (ata 6 aplicacións no final de 2016 ) como servizo na nube, sendo Owncloud a solución máis demandada.
Así mesmo, neste eido empresarial, os resultados dos estudos realizados polo Observatorio da Sociedade da Información e da Modernización de Galicia (OSIMGA), sobre o uso de software libre nas empresas e empresas TIC de Galicia amosan unha consolidación no uso do software libre, cunha leve tendencia á alza. Os datos correspondentes a 2016 amosan que o 85,7% das empresas, o 49,8% das microempresas e o 87,2% das empresas TIC galegas empregan software libre.

No referente ás actuacións dirixidas á cidadanía, un ano máis estiveron centradas na formación e a difusión para o que se contou coa colaboración do ecosistema galego do software libre como son as Asociacións de usuarios de Software Libre (AGUSL), a Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL), a Oficina de Software Libre do CIXUG ou o Colexio Profesional de Enxeñería Técnica de Galicia (CPETIG).
No tocante á formación, a través dos diferentes recursos cos que conta a Xunta de Galicia (Rede CeMIT, CNTG, EGAP, CDTIC, etc…) e os distintos axentes implicados impartíronse máis de 35.000 horas de formación en software libre a máis de 47.000 persoas.
Neste eido cómpre considerar tamén a énfase que dende a Amtega se vén realizando na formación da nosa mocidade en software libre a través do proxecto Abalar. Así mesmo, asociacións como Ghandalf, GPUL, Xeopesca ou Trasno organizaron un ano máis diversas actividades para achegar o software libre ao sector educativo e á cidadanía en xeral. Neste sentido, é necesario ter en conta que para construír sólidos alicerces para a consolidación desta aposta cara ao futuro, resulta fundamental a formación en materia de software libre das seguintes xeracións.

Finalmente, cabe mencionar que no ámbito da mellora da administración pública, durante este ano 2016 avanzouse no plan de migración do posto do empregado público, grazas ao cal, a finais de 2016 un total de 3.200 postos contan con LibreOffice como única solución ofimática instalada, co conseguinte aforro en licenzas. Por outra parte, cómpre salientar a progresiva actualización e migración dos proxectos tecnolóxicos existentes na Amtega á plataforma de software corporativa onde se priman solucións libres, plataforma que xa están a empregar todos os novos desenvolvementos. Así mesmo, liberáronse dous novos proxectos de software desenvolvidos pola administración pública e resolvéronse diversas consultas a través do servizo de asesoramento ao persoal TIC da administración pública para o uso, reutilización e liberación de software.

No documento do balance descríbense e analízanse con maior nivel de detalle os distintos logros acadados.

Mércores, 16 Marzo 2016

Plan de acción 2016 en materia de Software Libre

PDF

A Axenda Dixital 2020 recolle o Software Libre como un dos principios para a xestión eficiente das distintas iniciativas.

O impulso do uso do software libre e de estándares abertos e fomento da reutilización de solucións, serán ferramentas para garantir a interoperabilidade dos sistemas informáticos e achegar a tecnoloxía á sociedade evitando a dependencia de determinados provedores TIC e os custes recorrentes.

Neste contexto a Amtega continua mantendo a súa aposta polo uso do Software Libre plasmada no plan de acción en software libre 2016 cos seguintes eixos de actuación principais:

  • Fomento da reutilización do software na administración pública.
  • Impulso dunha oferta de solucións baseadas en software libre dirixida ás empresas.
  • Achegamento do software libre ao conxunto da sociedade.

En torno a estes eixos de actuación defínense unha serie de actuacións, que como vén sendo habitual desenvolveranse a través da colaboración cos distintos axentes do ecosistema do Software Libre galegos.

No eixo de actuación da propia administración pública, a Amtega continuará avanzando no plan de migración do posto do empregado público a ofimática libre; manterá o seu compromiso de publicación e liberación de dúas novas solucións de software desenvolvidas pola Xunta de Galicia; e continuará coa súa aposta pola reutilización de software e contidos, impulsando entre os responsables TIC o coñecemento de casos de éxito doutras administracións públicas e por outra parte fomentando o coñecemento dos casos de éxito propios, fóra da nosa comunidade a través do Catálogo do CTT e de Joinup, o portal europeo da reutilización.

A Xunta de Galicia seguirá a ser referencia e exemplo de políticas de eficiencia e bo uso de tecnoloxías libres grazas á implantación de solucións de software libre na súa infraestrutura tecnolóxica coa consecución de aforro e mellora de produtividade, publicando o software que se desenvolve internamente como Software Libre de cara a fomentar a súa reutilización, establecendo relacións con outras administración e entidades estatais e europeas para colaborar en materia de Software Libre.
Dentro do avance e mellora continua da e-administración, e co obxectivo de garantir a interoperabilidade e a neutralidade tecnolóxica continuarase a traballar para avanzar na interoperabilidade cos sistemas informáticos da administración pública, establecendo contornas de referencia que permitan o seu uso con software libre.

Finalmente, continuarase coa prestación de servizos implantados nos últimos anos en materia de asesoramento na implantación de Software Libre, formación en tecnoloxías libres aos empregados públicos e a promoción do uso de estándares abertos en todos os novos desenvolvementos.

No ámbito empresarial, un ano máis as actuacións enfocaranse a promover a oferta de solucións de calidade baseadas en software libre dirixida ás empresas, para favorecer a súa mellora en eficacia e competitividade. Esta estratexia canalizarase a través de actuacións desenvolvidas no Centro Demostrador TIC que continuará a ser o elemento vertebrador das actuacións de fomento das TIC en xeral e do Software Libre en particular dirixidas ao empresariado. Durante o 2016 reforzarase o Centro Demostrador TIC Virtual con novas aplicacións á disposición das empresas. Por suposto, en consonancia coas demandas do sector empresarial, continuarase coa oferta de demostracións e formación en Software Libre, así como asesoramento particularizado ás pemes en canto a solucións libres adaptadas ás súas necesidades.

Finalmente, no ámbito da alfabetización e capacitación avanzada da cidadanía cómpre destacar as actuacións que se promoverán a través da Rede CeMIT, a  colaboración coas Asociacións de Usuarios de Software Libre de Galicia, e no ámbito educativo as actuacións realizadas a través do proxecto Abalar, e aquelas en colaboración co CIXUG no eido universitario.

Seguiranse a prestar os servizos implantados nos últimos anos en materia de asesoramento na implantación de Software Libre e seguirase facendo tamén fincapé na difusión tanto para empresas como para a cidadanía, con novos servizos como boletíns periódicos con novas e casos de éxito de Software Libre ou una axenda de actividades de Software Libre en Galicia.

No plan detállanse as actividades a desenvolver nos distintos eixos de actuación, co obxectivo de que un ano máis poidan contribuír a acadar un sector empresarial máis competitivo, unha administración dixital máis eficiente e próxima á cidadanía e unha sociedade con maiores competencias dixitais.

Mércores, 16 Marzo 2016

Informe de seguimento do Plan de acción 2015

PDF

A Amtega vén apostando dende o ano 2010 polo Software Libre como eixo fundamental sobre o que construír unha administración moderna e máis eficiente, fomentar o emprego das TIC entre o tecido empresarial galego, e facilitar o achegamento e capacitación da cidadanía ás novas tecnoloxías. Esta estratexia plásmase anualmente no Plan de Acción de Software Libre, no que se priorizan as iniciativas máis importantes para cumprir os obxectivos e metas fixadas, tendo en conta os puntos fortes e as oportunidades de mellora existentes na promoción e fomento do uso de Software Libre en Galicia.

No presente documento amósanse os principais logros acadados sobre os obxectivos planificados, agrupándoos nas tres liñas de actuación destacadas: Administración Pública, Tecido Empresarial e Cidadanía.

No ámbito da mellora da administración durante este ano 2015 avanzouse no plan de migración do posto do empregado público, grazas ao cal, a finais de 2015 un total de 1.520 postos contan con LibreOffice como única solución ofimática instalada, co conseguinte aforro en licenzas. Por outra parte, cómpre salientar a progresiva actualización e migración dos proxectos tecnolóxicos existentes na Amtega á plataforma de software corporativa onde se priman solucións libres, plataforma que, por suposto, xa empregan todos os novos desenvolvementos. Finalmente, no relativo á reutilización de solucións libres doutras administracións públicas, durante o ano 2015 consolidáronse proxectos como Notific@ ou o sistema de tramitación electrónica, que se basean na reutilización de software desenvolvido pola Junta de Andalucía.

No tocante á formación, durante o 2015 houbo un importante incremento da oferta formativa respecto do ano anterior, cun total de 4000 horas de formación en tecnoloxías libres a uns 3700 empregados ao servizo da administración pública.

No referente ao fomento do software libre no tecido empresarial galego, os estudos realizados polos OSIMGA amosan unha certa estabilidade no uso de software libre nas empresas da nosa comunidade, mantendo variacións moi lixeiras a maioría dos indicadores no sector TIC. Así a porcentaxe de empresas que empregan software libre sitúase en torno ao 85%. O elemento vertebrador das actuacións de fomento do software libre ás empresas, segue sendo o Centro Demostrador TIC de Galicia. Durante o ano 2015, o 60% das actuacións desenvolvidas polo mesmo estiveron relacionadas con tecnoloxías libres, supoñendo un incremento de case 20 puntos respecto do ano anterior. Así mesmo, o Centro Demostrador TIC Virtual, conta xa con 4 aplicacións que as empresas poden probar como servizo na nube.

Durante o 2015 cómpre destacar a celebración da xornada “(R)evoLuƧión”, organizada por AGASOL, centrada en amosar ao empresariado tic galego os modelos de negocio en torno ao software libre, e a LibreCon 2015 que se celebrou na Cidade da Cultura de Galicia, organizada por AGASOL, ASOLIF e o Clúster TIC, e que contou coa colaboración da Amtega.
Finalmente no ámbito da Cidadanía, as iniciativas impulsadas durante este último ano estiveron arredor da formación e da difusión, apoiándose no enorme ecosistema asociativo, que neste ámbito, se desenvolve en Galicia, como son as Asociacións de usuarios de Software Libre (AGUSL), a Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL), a Oficina de Software Libre do CIXUG, o Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia (CPEIG), o Colexio Profesional de Enxeñería Técnica de Galicia (CPETIG), etc. As continuas sinerxías que dende a Amtega se veñen buscando con estes e outros colectivos, garanten unha maior porcentaxe de éxito nos obxectivos marcados.

Neste eido cómpre destacar a organización, por parte da asociación GPUL, da  Akademy 2015, a reunión anual da comunidade internacional de desenvolvedores e usuarios do contorno de escritorio KDE. Isto xunto coa celebración da LibreCon 2015, fixeron que Galicia fose novamente o epicentro do software libre a nivel internacional como xa acontecera no ano 2012 coa celebración da LSWC 2012 e a Guadec 2012.

No tocante á formación, a través dos diferentes recursos cos que conta a Xunta de Galicia (Rede CeMIT, CNTG, EGAP, CDTIC, etc…) impartíronse un total de máis de 31.000 horas de formación en software libre a máis de 39.500 persoas.

Para finalizar, non podemos esquecer os esforzos feitos para levar o software libre ao sector educativo, tanto a estudantes do sistema de ensinanza obrigatorio como do sistema universitario, así como para o propio profesorado, xa que non podemos esquecer que para que esta aposta se consolide no futuro é primordial a formación en materia de software libre das seguintes xeracións.

Estas son só unhas pinceladas dos avances máis salientables das actuacións desenvolvidas durante o ano 2015, que se describen máis polo miúdo no documento de Balance do Plan de Acción Software Libre do ano 2015.

Domingo, 16 Marzo 2014

Plan de acción 2014 en materia de Software Libre

PDF

A continuación pode descargarse o documento completo do Plan de Acción 2014 así como unha presentación executiva das actuacións recollidas nel. Así mesmo esta presentación está dispoñible tamén en inglés.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal