Mancomún
LinCity-NG é un xogo de simulación de cidades inspirado no primeiro SimCity pero cuns gráficos modelados en Blender similares a SimCity 2000 ou 3000. Está baixo licenza [[GPL]] e dispoñible para varias plataformas.

Publicouse a versión de desenvolvemento 1.91 Beta de LinCity-NG, na cal podemos ver os novos elementos de xogo que terá a próxima versión estable. A lista de cambios é a seguinte:

  • Administración da auga.
  • Engadido un simple sistema ecolóxico.
  • Novos escenarios difíciles: extremadamente árido e extremadamente húmido.
  • Engadiuse unha nova construción (pozo de auga), e toda a produción biolóxica depende da auga que se atope dispoñible.
  • Realizáronse outras pequenas melloras e corrixíronse varios erros.

O diversos paquetes desta versión beta pode descargarse desde a sección de descargas do proxecto en Berlios.

Fonte: Linuxjuegos.com

http://www.mancomun.org/images/stories/ciberirmandade.png Voluntari@s da web da CiberIrmandade da Fala veñen de rematar a tradución ao galego dos foros Fireboard na súa versión 1.0.4. Esta tradución é un novo e importante paso na adaptación ao galego de programas básicos para o desenvolvemento de webs sociais baseadas en software ceibe como Joomla! e Mambo.

Desde as Ciberirmandades queren agradecer á comunidade internauta a súa desinteresada colaboración neste importante traballo.

A tradución está dispoñible na seguinte ligazón

Fonte da nova:
http://www.ciberirmandade.org/sitio2007/content/view/425/1/

http://www.mancomun.org/images/stories/glug.png Os membros do grupo de usuarios de GNU/Linux GLUG anuncian na súa páxina web que comezaron os preparativos para a súa participación na Xuventude Galiza Net deste novo ano 2008: 

“No GLUG andamos argadelando a participación na Xuventude Galiza Net. Para iso habilitamos unha páxina na nosa wiki para recoller ideas e cousas que poidamos levar a cabo. Tamén podemos entrar en colaboración con outros grupos, de feito andamos na procura de colaboración para que a nosa intervención sexa moito máis satisfactoria e podamos ter un impacto maior á hora de espallar o Software Libre.

Aínda estamos en “pañais” polo que se queres participar connosco pásate pola wiki ou deixa un comentario.”

Máis información na páxina de GLUG:
http://www.glug.es/node/2420

Nun movemento inadvertido pola maioría dos medios (o que pode deberse á barreira do idioma, máis que nada), Nintendo lanzou o 30 de agosto deste ano un proxecto para desenvolver un sistema operativo, na versión xaponesa de SourceForge.net. Este sistema responde ao nome de ES, cuxa primeira versión (0.1) publicouse o 11 de outubro, e a pesa de non estar amparado baixo unha licenza como a [[GNU]] [[GPL]] ou [[BSD]], é de carácter aberto, con código fonte dispoñible. Funciona sobre arquitectura x86 e pode ser emulado sobre [[QEMU]]…

… mentres que o seu núcleo ou kernel esta escrito na linguaxe de programación [[C]], mentres que emprega como intérprete ECMAScript. A parte gráfica corre a cargo da librería de software Cairo, e esta dispoñible unha adaptación de Squeak, para os que estean máis cómodos empregando Smalltalk. O sistema de arquivos empregado é [[FAT]] (File Allocation Table), que aínda que algo anticuado é funcional.

Aínda se atopa en etapas temperás de desenvolvemento. Aínda que moi básico, algunhas persoas consideran que podería tratarse do armazón primario da competencia do XNA de Microsoft para o desenvolvemento de xogos, que grazas ao apoio de programadores de todo o mundo, podería gañar moito máis apoio. Isto, a semellanza de proxectos con éxito de carácter aberto como son GNU/Linux, Mozilla Firefox, Apache, ou OpenOffice.org. De momento, o proxecto continua e cada certo tempo libéranse novas actualizacións.

 

Fonte: Universo-nintendo.com  

A Axencia Espacial Europea (ESA) empregará unha versión reducida do ERP openXpertya para a xestión interna do laboratorio europeo Columbus. A verticalización de openXpertya personalizada para a utilización no laboratorio de experimentación da estación espacial Columbus, para a xestión das tarefas de experimentación a desenvolver nel, está xa dispoñible no apartado de descargas para a súa libre disposición.

O Columbus lanzarase a bordo do transbordador espacial Atlantis, desde Florida con data prevista o vindeiro 10 de Xaneiro de 2.008.

Seguindo co espírito da notificación publicada o 12 de decembro por parte da NASA de que o seu próximo cohete ARES estará baseado en tecnoloxías 100% libres e abertas, a Axencia Espacial Europea anuncia a publicación da primeira versión da verticalización do ERP openXpertya, na levan traballando co equipo de Desenvolvemento de openXpertya e FUNDESLE (Fundación para el Desarrollo del Software Libre Empresarial) desde maio de 2.007; fecha na que se firmou o primeiro convenio de colaboración entre as partes.

Para máis detalles consultar a nova na web do OpenXpertya.

Dende a Fundación Cultural da Estrada nos informan da convocatoria de emprego para a contratación de dous Técnicos/as de Formación en novas tecnoloxías, mediante o proxecto ‘aestradadixital’, por obra e servizo, para o proxecto ‘aestradadixital’; Formación.

As funcións a desempeñar dende o posto de traballo serán as seguintes:

  • Impartición do plan de alfabetización dixital 2007-2008 no entorno rural e urbán. O horario da impartición será maioritariamente de tarde.
  • Configuración de equipos e redes das aulas onde se impartirá a formación.
  • Calquera outra acción na liña das anteriores que sexan precisas para a boa marcha da actuación.
O proceso de selección efectuarase mediante concurso de méritos e entrevista persoal ó/á candidato/a, consultar as bases da convocatoria (enviadas pola Fundación Cultural da Estrada) para ver os detalles.
 
Para participar no proceso é preciso enviar currículo á seguinte dirección de correo electrónico: administracion.fundacion@aestrada.com antes do 4 de xaneiro.

A primeiros de decembro déronse os premios da 4ª edición “Les Trophées du Libre” aos gañadores deste concurso internacional de Software Libre.
O éxito deste concurso vén avalado polo cantidade de proxectos internacionais presentados este ano, un 60% fronte ao 20% do ano anterior. A metade dos proxectos eran europeos e a outra metade do resto do mundo. En total foron 149 concursantes presentados de 29 países diferentes.

Nomeáronse como finalistas 18 proxectos e resultaron gañadores 6 deles, un por cada unha das seguintes categorías: Seguridade, Xestión empresarial, Educación , Xogos/multimedia, aplicacións para o sector público e aplicacións científicas.

Cada un destes 6 gañadores recibiron a suma de 3000 €, un portátil, un cupón por valor de 150€ de Editions Eyrolles e hospedaxe con Nexen Services. Ademais recibirán axuda de CETRIL (Centro europero para a transferencia e investigación en informática libre) para os seus desenvolvementos e un ano de aloxamento de balde en Soissons. Tamén recibiron premios de menor cuantía os finalistas.

Este ano foi concedido por vez primeira o Premio especial do xurado, escollendo un proxecto de entre todas as categorías pola súa natureza innovadora e déuselle ao proxecto científico Bioclipse, do departamento de Biociencia Farmacéutica da universidade de Uppsala, en Suecia. Este proxecto ten por obxectivo crear unha plataforma visual para quimio y bioinformática baseada en Eclipse Rich Client Platform (RCP).

A lista de gañadores do 2007 é:

  • Seguridade: rsyncrypto (Israel). Aplicación de encriptación de ficheiros que permite a sincronización do ficheiro orixinal e o ficheiro encriptado.
  • Xestión empresarial: LimeSurvey (Alemania). Ferramenta de enquisas que permite aos usuarios crear os seus propios cuestionarios cun número ilimitado de preguntar. As enquisas créanse dende unha interface de administración.
  • Educación: Chronojump (España). Sistema completo para a medición, xestión e xeración de estatísticas de saltos e outras accións.
  • Xogos/Multimedia: mediabox404 (France). Solución de automatización de radio na web para o control do fluxo dos programas musicais.
  • Sector público: DRBL (Taiwan). Sistema de arranque remoto sen disco en Linux. Proporciona un contorno de arranque sen disco ou sistema para equipos clientes.
  • Software científico: SAGE (United States) permite usar e estudar un amplo rango de áreas matemáticas como álxebra, cálculo, cálculo numérico, teoría de grupos …

Fonte: Les trophées du libre

Investigadores da Universidade Carnegie Mellon desenvolveron unha linguaxe de programación orientada a obxectos (POO) para crear animacións empregando modelos 3D. Déronlle en chamar Alice. Segundo os seus creadores, esta linguaxe / aplicación axudará aos estudantes de informática a aprender os conceptos das linguaxes de programación orientada a obxectos como C++ e Java.

Segundo os investigadores do Carnegie Mellon, os conceptos que normalmente se ensinan na iniciación a C++ ou Java son decisións, iteracións, recursividade, funcións e métodos, coleccións (arrays, listas…), obxectos (estado e comportamento), herencia, encapsulación, polimorfismo… Alice proporciona un contorno no que se introducen estes conceptos aos alumnos mentres modifican obxectos 3D e escriben programas para xerar animacións. Deste xeito a aprendizaxe da POO vólvese divertida ao poder centrarse nos conceptos sen despistarse en aprender a sintaxe polo momento.

Alice está dispoñible para Linux, Windows e Mac. A súa licenza permite o seu uso, modificación e distribución, sempre que se manteñan as condicións incluídas na licenza e a distribución das modificacións non leven nin inclúan o nome de Alice.

Está desenvolvida en Java polo que precisa do Java Runtime Environment para poder executarse.

Fonte: Linux.com  

O pasado xoves 13 de Decembro tivo lugar a “II Xornada SOURCEPYME : Software libre na empresa. Modelos de negocio” en Paterna, Valencia. As xornadas tiveron moi boa acollida, e segundo os organizadores contaron coa asistencia de 350 empresas e un total de 10 relatores procedentes de diversos puntos da xeografía nacional.

O obxectivo das mesmas era presentar os resultados acadados nos dous primeiros anos de vida do proxecto Sourcepyme, así como presentar casos de éxito de implantación de Software Libre en empresas.

Durante o 2007 realizaron a ENQUISA SOURCEPYME 2007 a empresas provedoras de aplicacións e/ou servizos de Sw Libre e a empresas usuarias de Sw. Libre, da que presentaron os seus resultados.

A principal conclusión dos resultados da enquisa a empresas provedoras é que a gran maioría de empresas TIC perciben unha demanda de servizos/solucións/produtos Software Libre de parte dos seus clientes, pero que no saben dar resposta a dita demanda porque no coñecen modelos de negocio sostibles que lles permitan gañar diñeiro.

Os principais resultados da enquisa dirixida a empresas usuarias de Sw. Libre, achegan as seguintes conclusións:

  • O 86% das empresas coñecen o Software Libre e unha ampla maioría o usan máis que hai 2 anos.
  • 2/3 partes recoñecen que o uso de Software Libre diminuiría a piratería.
  • 2/3 partes recoñecen que a migración de aplicacións a Software Libre NON supón cambio traumático nas empresas.
  • O 70% afirman que o uso do Software Libre facilitaría o acceso ás TIC da peme.
  • Finalmente, a maioría recoñecen que as aplicacións baseadas en Software Libre satisfán as súas necesidades.

Na segunda parte da xornada, amosáronse casos prácticos de éxito a nivel internacional, nacional e autonómico, sobre coñecemento aberto e empresas.

O Director Xeneral de OPENBRAVO describiu por que o seu software de xestión empresarial (ERP) liberado hai 18 meses, ten 420.000 descargas. Falou da importancia de “tecer unha rede” de colaboradores que desenvolvan Sw de forma colaborativa e de explotar un modelo máis lonxe do cobro por licencias de uso e máis preto do cobro por servizos de consultoría, adaptación, formación, soporte, etc.

Falouse dos logros de implantación de LLIUREX no sistema educativo Valenciano, co 58% dos ordenadores migrados, así como das oportunidades de negocio para o sector TIC local que se avecinan nun futuro próximo.

Presentouse tamén a Comunidade MORFEO, comunidade de coñecemento e colaboración en torno ao modelo asociado ao software de código aberto, centrada no desenvolvemento de software de plataforma que permita crear ecosistemas de empresas capaces de prestar servizos e realizar desenvolvementos en torno a ditas plataformas e deste modo crear negocio.

QUER SYSTEM, mostrou como unha empresa TIC pode rendibilizar a aposta polo Sw. Libre conseguindo que os seus clientes paguen polo servizo que aparentemente poden acadar de balde na web.

A empresa RESIMOL, ensinou como unha PEME de 15 traballadores, pode dispoñer da maioría do sw empresarial que utiliza a diario, de forma que sexa libre: sistemas operativos (Ubuntu), aplicacións de ofimática (Openoffice ), aplicacións de xestión de almacén (PDA conectada mediante aplicación PHP co ERP), pasando polo CRM (SugarCRM ) para xestión das relacións cos seus clientes e sistema de xestión documental (Alfresco) para depositar a documentación nun repositorio segundo os perfiles dos provedores ou clientes que deban acceder á mesma.

Fonte: Proxecto SourcePyme  

Dende MEPIS anunciaron a dispoñibilidade da versión final de SimplyMEPIS 7.0, nas edicións para 32 e 64 bits que agora están completamente baseadas en Debian 4.0 “Etch”.

MEPIS é un sistema operativo de escritorio para PCs e computadores Apple que teñan procesadores Intel ou AMD de 32 ou 64 bits. Segundo os seus desenvolvedores é máis doado que Vista e intuitivo para os usuarios de XP Win98. SimplyMEPIS está deseñado para reemprazar ou traballar en paralelo con Vista ou XP en PCs ou equipos con OSX en eqipos Apple.

 

Entre as novidades que podemos atopar nesta nova versión están:

  • Kernel 2.6.22.14
  • Compiz 0.6.3 e Compiz Fusion 0.6.0
  • Firefox 2.0.0.11
  • Java 6.0
  • OpenOffice 2.3
  • Xorg 7.1
  • Tamén inclúe os drivers de NVidia 1.0.9639, AMD fglrx 8.43.2, madwifi-ng Atheros 0.9.3.2 e ntfs-3g 1.710.

Fonte:http://www.vivalinux.com.ar/

Seguindo o seu obxectivo de apoiar o desenvolvemento e o uso do software de código aberto para axudar á industria na súa carreira por medrar, o consorcio internacional QualiPSo organiza a primeira conferencia internacional: “Fomentando a innovación e o crecemento fomentando a confianza e a calidade do Software de Código Aberto”.
 
Esta conferencia terá lugar en Roma os días 16 e 17 de Xaneiro de 2008.

 
A conferencia conta co padroado da Comisión Europea e reunirá a autoridades e expertos internacionais das tendencias do Software de Código Aberto, revelará os primeiros resultados da investigación levada a cabo polo consorcio, e será un foro de debate sobre os niveis de confianza acadados polo Software de Código Aberto. Tratará os seguintes temas dende tres ángulos diferentes: político, económico e tecnolóxico:
  • Aspectos legais do Software Aberto
  • Confianza nos procesos e produtos Software Aberto
  • Modelos de negocio e estratexias Software Aberto
  • Interoperabilidade na área do Software Aberto
  • Redes de Centros de competencias en Software Aberto
  • Forxas de software de nova xeración

Está dirixida principalmente a executivos das TIC involucrados nas decisións sobre o código aberto nas administracións públicas e na industria, a altos cargos políticos, xestores de proxectos software, membros de comunidades de código aberto, enxeñeiros TIC…

Para máis información visitar a páxina da conferencia

Fonte: Proxecto QualiPSo

 

Navit é un sistema de navegación para o coche que ten un motor que permite calcular as rutas polas que vai a discorrer a viaxe. Ten un deseño modular, capaz de usar mapas de vectores con diferentes formatos á hora de facer as rutas e o renderizado dos mapas mostrados. É posible o uso de varios mapas ao mesmo tempo.

A interface de usuario pode ser [[GTK+]] ou [[SDL]], a cal foi feita para funcionar con pantallas táctiles.  Ademais, pode mostrar a posición actual do vehículo de dous xeitos, a través do gpsd ou dos sensores NMEA GPS. Tamén mostra os PDIs (puntos de interese). Non soamente é capaz de calcular a mellor ruta para chegar ao teu destino senón que xera direccións e incluso pode elaborar un discurso (empregando o speechd).

 

Está dispoñible en varios idiomas e foi programado en C++, de momento soamente para GNU/Linux e baixo licenza [[GPL]]

 Descarga: Sourceforge.net

http://www.mancomun.org/images/stories/amigus.gifA Asociación Informática de As Pontes, Amigus, organiza unha nova edición da amigus-party, co-organizada co concello das Pontes, coa colaboración do Grupo de Empresa de ENDESA, mancomun.org, o CESGA, a Consellería de Innovación e Industria, e Openor.

Estas son as indicacións que fan na súa páxina web para a asistencia ao evento:

“Para asistir á amigus-party nadal-2007 debes vir equipado co teu computador e todo o necesario para poder conectalo a un só enchufe. Ten en conta que tes dereito a unha praza onde instalar o teu computador e a un enchufe de rede eléctrica e outro de rede de datos. O resto deberás traelo ti. Para que non te esquezas de nada imos poñer unha pequena lista de cousas imprescindibles:

  • CPU, monitor, rato, teclado e cables (moita xente esquece o rato, ¡ollo!).
  • Tarxeta de rede Ethernet con conexión RJ45.
  • Regreta de enchufes.
  • Cascos para a música. OS ALTOFALANTES ESTÁN TERMINANTEMENTE PROHIBIDOS.
  • D.N.I.

Aparte disto, é recomendable traer:

  • Un desparafusador de estrela, para poder abri-lo teu PC se algo falla.
  • Un CD de instalación do sistema operativo e os drivers das tarxetas que teñas instaladas.
  • Cargador de telemóbil (se tes telemóbil).

Non está de máis que fagas unha copia de seguridade dos datos importantes antes de acudir a amigus-party nadal-2007, e que instales un antivirus.

Os horarios da amigus-party nadal-2007 son os seguintes:

A montaxe será o mercores 26 a partir das 20:30 no Lar
Abrimos o xoves as 10:00 do mediodía ata as 02:00 am do venres
O venres empezaremos as 10:00 da maña ata o sábado as 14:30 da tarde. Se a noite do venres vemos que fai falla pechar, abriríase de novo o sábado as 10 da maña.

O prazo de inscrición remata o 26 de decembro , a inscrición pódela realizar cubrindo este formulario

 

Fonte:
http://www.amigus.org/partys/partynadal2007/

Universidade de VigoA Universidade de Vigo está a levar a cabo unha iniciativa que permite que as persoas maiores podan acceder de xeito máis doado ao computador a través de Linux, concretamente Ubuntu. Xulio Fernández, da ETSE de Telecomunicacións de Vigo, infórmanos desta iniciativa que xorde da súa experiencia como docente para persoas maiores e ver os atrancos cos que se atopan.

As accións máis triviais cun computador poden resultar complexas e traballosas para este colectivo. Unha das máximas do proxecto é que o usuario sexa quen de traballar sempre coa mesma configuración e aspecto gráfico para evitar a toda costa a sensación de estar perdido e ter sempre accesible as webs favoritas ou os seus documentos. O Software Libre demostra que grazas á súa adaptibilidade resulta unha ferramenta estratéxica para a integración de colectivos en risco de discriminación tecnolóxica.  

Esta versión de Ubuntu  ten como principais características:

  • O sistema comunícase co usuario en castelán (xa que as mensaxes en inglés provocan un bloqueo case instantáneo ao non saber o que din).
  • O usuario pode ser axudado por terceiras persoas na tarefa de configurar as ferramentas que usa no ordenador. Esas configuracións ademais son portables de xeito que cando as use noutro ordenador estas presenten a mesma aparencia e se comporten exactamente igual en calquera computador no que traballe.
  • Permíteselle seleccionar o lugar no que se atopa (casa, traballo, casa do fillo,…) e con só iso ter sempre o mesmo entorno no que el se sabe manexar.

Este proxecto baséase en Ubuntu e inclúe outras aplicacións como Firefox, Thunderbird, OpenOffice.org ou Gimp. Desde a web do proxecto pódese descargar a imaxe ISO do CD Live.

Onte a Protocol Freedom Information Foundation (PFIF), organización sen ánimo de lucro creada polo Software Freedom Law Center , firmou un acordo con Microsoft para recibir a documentación necesaria para poder interactuar completamente cos produtos de servidores de traballo en grupo de Microsoft e poñelos dispoñibles a proxectos de Software Libre como Samba

Para acceder a esta información a PFIF pagará 10.000€ unha única vez, e proporcionaralle a información ao equipo de Samba. Tanto a PFIF como o equipo de Samba deberán gardar a confidencialidade da información en si, no entanto o acordo permite a publicación do código fonte das implementacións destes protocolos sen ningún tipo de restrición. Pola súa parte Microsoft deberá manter actualizada cos novos produtos e proporcionar asistencia para a corrección de erros ás partes asinantes do acordo.

O 24 de marzo de 2004, a Comisión Europea velando polo cumprimento da lei antimonopolio ditou unha sentencia requirindo a Microsoft que fixera dispoñible a información sobre os protocolos empregados por Windows aos seus competidores. Esta decisión foi apelada por Microsoft, pero perdeu dita apelación o 17 de setembro de 2007. Isto marcou o inicio das negociacións deste acordo.

Andrew Tridgell, creador de Samba, dixo, “Estamos moi contentos por ter conseguido o acceso á información técnica necesaria para continuar a desenvolver Samba como Software Libre.” “O acordo permitiranos manter Samba actualizado cos cambios recentes de Microsoft Windows, e tamén axudará a outros proxectos libres que necesiten interactuar con Windows”

Jeremy Allison, co-creador de Samba dixo, “Agardamos recuperar a relación produtiva que tiñamos con Microsoft a principios dos 90 cando compartiamos información sobre estes protocolos”

Volker Lendecke, líder europeo do equipo de Samba dixo, “Estou moi feliz de ver que a Comisión Europea considera o Software Libre como un competidor válido na industria das Tecnoloxías da Información e que as condicións da Licenza sobre a información do protocolo ofrecida aos proxectos libres é compatible coa GPL.”

Fonte: Nova na web de Samba

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal