A XII edición da feira maker máis importante de Galicia celebrouse o 6 de xuño en Área Central de Santiago de Compostela, con máis de 30 proxectos, talleres gratuítos e un espírito que leva máis dunha década ilusionando a persoas de todo o mundo.
Estivemos na feira facendo esta reportaxe, onde tamén aproveitamos para gravar entrevistas a varios dos makers e gravar en vídeo imaxes do evento.
“Queremos que a xente vexa que a tecnoloxía é accesible”
Se hai alguén que coñece a fondo o que significa a Maker Faire Galicia, ese é Enrique Saavedra, cofundador e organizador do evento, e director da Academia VermisLab. Cando lle preguntas polo espírito da feira, a resposta é directa e sen rodeos:
“O espírito da feira do Mundo Maker é compartir coñecemento. Isto non é unha feira ao uso de vender nin nada. Simplemente esperamos que veñas, fales cos makers, entendas que os inspirou a facer o que fan, porque o fan, poder aprender.”
E engade algo que resume moi ben a filosofía do evento: “Sobre todo, vir e ter esa ilusión de poder dicir: pois eu tamén podo facer algo. Facer croché, ou programación, ou un pouco de robótica. Como podo empezar, como empeza a xestarse?. Queremos que vexan que é algo accesible, non que isto da tecnoloxía é algo moi difícil que só pode facer xente que dedica moito tempo.”
Doce edicións e makers de catro continentes
A feira xa vai pola edición número 12. Comezou alá polo 2015 —nun ano chegaron a facer dúas edicións por un cambio de datas— e desde entón non parou de medrar. Enrique, que é Enxeñeiro en Deseño industrial, conta que a idea orixinal era darlle unha apertura ao mundo maker que quizais non tiña:
“O maker son todos os artesáns, os facedores. E aquí en Galicia sempre tivemos moitos. Queríamos darlle unha apertura ao mundo maker que quizais non tiña, porque estaba moi centrado no tema da programación e da robótica.”
Ao longo destes anos pasaron pola feira makers chegados de catro continentes: Estados Unidos, Suramérica, Turquía, Xapón, Suecia… O obxectivo sempre foi o mesmo: tecer redes, que a comunidade medre, que se poñan en contacto persoas con inquedanzas similares. E os froitos están á vista: grazas en parte ao impulso da Maker Faire, creouse na cidade un espazo maker municipal onde calquera pode ir, cunha asociación que hoxe conta cun local estable.
Un evento que creceu e se multiplicou
Un dos cambios máis significativos dos últimos anos é que a feira xa non é un único fin de semana ao ano. Agora articúlase en tres xornadas ao longo do calendario:
- 6 de xuño — Xornada de Emprendemento e Innovación Social, en Área Central de Santiago.
- 9 de outubro — Xornada de Industria, na Casa das Máquinas.
- 20 de novembro — Xornada de Oficios, tamén na Casa das Máquinas.
“Desta maneira podemos chegar a diferentes sectores da poboación en diferentes zonas da cidade”, explica Enrique, “para unha vez máis abrilo ao máximo número de xente posible.”
Sobre o open source e as tecnoloxías libres, Enrique é claro: “Para nós é moi importante que todo o coñecemento sexa aberto. A mellor maneira é que os proxectos estean publicados de maneira aberta. Consideramos que debe potenciarse o open source a todos os niveis.”
Imprimir en 3D para cambiar a vida de alguén
Un dos proxectos máis emotivos da xornada do 6 de xuño foi o de COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade). Alba, unha das traballadoras do proxecto de autonomía, explicou como usan a impresión 3D para crear produtos de apoio totalmente personalizados para persoas con discapacidade.
O exemplo que pon é difícil de esquecer: un vaso deseñado desde cero para unha persoa con varias patoloxías. Non un vaso calquera:
“Creamos un vaso cun asa, concretamente cun ángulo determinado e unha forma para que facilitase o agarre. Tiña tamén unha escotadura para facilitar a inxesta de líquido e evitar que se atragante. E na parte de abaixo, creouse un espazo no cal podías introducir pesos e modular os pesos en función da evolución da patoloxía, cunha tapiña no fondo para que cando collese o vaso, os movementos involuntarios se estabilizasen e permitisen beber.”
Un vaso, deseñado ao milímetro para que alguén poida simplemente beber. Iso é o que significa a tecnoloxía ao servizo das persoas.
Libre e gratuíto para quen o necesite
O proxecto de COGAMI non só deseña estas ferramentas, senón que as comparte abertamente. Cando xa existen modelos similares en repositorios como Thingiverse ou Printables, descárganos e adáptanos ás necesidades concretas de cada persoa. Cando hai que crear desde cero, tamén o publican para que outros se poidan beneficiar.
“A persoa o que recibe é un produto axustado á súa necesidade que lle permite realizar diferentes accións no seu día a día”, conta Alba. “Como beber, a nivel de escritura, para sacar a medicación dos blisters ou incluso para comer, que doutra maneira pois non podería ser.”
E o custo para as persoas beneficiarias: cero euros. O único gasto é a amortización da impresora e os materiais, que o proxecto absorbe. COGAMI leva máis de dez anos con esta iniciativa, e a experiencia, di Alba, “foi positiva”.
Carreiras de LEDs e debuxos que cobran vida
Hai proxectos que, coa súa sinxeleza, son capaces de engaiolar a nenos e maiores por igual. Jordi RC leva vinculado ao mundo maker dende os seus inicios e participou por primeira vez na Maker Faire Galicia en 2016, coa asociación Ponte Maker. Desde entón, non parou de ir a eventos relacionados coas tecnoloxías abertas.
“Compartir é vivir, como di a miña filla.”
Nesta edición trouxo dous proxectos. O primeiro é o Open LED Race: unha pista de carreiras de estilo arcade construída con tiras de LEDs NeoPixel e controlada por microcontroladores Arduino. Naceu no Arduino Day de Sevilla en 2019, está replicado por toda España e parte do mundo, e o seu código e esquemas están publicados en GitLab baixo licenza GNU GPL v3. Calquera pode reproducilo, modificalo e melloralo.
O segundo proxecto, Scandlive, é do mesmo creador do Open LED Race, Gerardo Barbarov, e é algo que hai que ver para crer:
“Os nenos colorean unha plantilla —neste caso puxemos unha carpa Koi— e esa plantilla pásase por unha”caixiña máxica” que ten unha cámara web simplemente. A cámara fai unha instantánea do debuxo coloreado e ese debuxo transfórmase a través de Processing e dáselle vida: pasa á pantalla con movemento e móvese.”
É como darlle vida aos teus debuxos. E hai aínda máis: cunha matriz de pezas en 3D, podes formar palabras ou iconas, escanealas, e o teu peixiño coloreado multiplícase para xerar esa forma. “Un rollo moi 8 bits”, describe Jordi con entusiasmo.
O movemento open source: vivo, pero diferente
Con anos de experiencia ás costas, Jordi ten tamén unha visión madura e honesta do estado do movemento maker hoxe:
“Sigue vivo e sigue funcionando. O que pasa é que xa non é tan chamativo quizais como era hai 10 anos. Hai 10 anos houbo un boom, as impresoras 3D, todo o mundo quería replicar a súa impresora para ter unha na casa. Agora xa está democratizado.”
As empresas chinas venden impresoras de calidade a prezos moi baixos, e iso cambiou a dinámica. Antes a comunidade maker tiña que axudarse mutuamente para montar, reparar e mellorar as súas máquinas. Hoxe é diferente, e esa pegada de comunidade forte e unida perdeu algo de intensidade. Plataformas como GitHub —que caeu en mans de Microsoft— ou GitLab seguen sendo o lugar onde esa colaboración vive.
Pero Jordi é optimista: “Veñen novas xeracións que aínda lle seguen dando ao tema maker e esperamos que siga en auxe isto de facer, compartir, e que os demais poidan replicar.”
O seu exemplo máis querido é persoal: a súa filla, que veu á súa primeira Maker Faire con dous anos —“cabía dentro dunha impresora Delta dun metro”— e que hoxe, con 11 anos, está ao carón seu presentando proxectos. “A miña filla comparte o espírito maker que lle dimos na casa.”
Cando a roupa pensa: e-téxtiles e Arduino para todos
O taller de e-téxtiles foi un dos máis esperados da xornada. David Ballesteros chegou ao evento con dúas sesións programadas: unha sobre tecnoloxía e téxtiles pola mañá, e outra de iniciación a Arduino pola tarde.
A proposta dos e-téxtiles é tan sinxela como fascinante: combinar electrónica con roupa e tecidos. “Cada vez o mundo maker é máis creativo, entón a idea é combinar a tecnoloxía coa roupa ou con tecidos”, explica David.
Os exemplos son moi concretos: placas programables integradas nunha chaqueta que se iluminan cun xesto, que reaccionan ao movemento, á temperatura ou á luz, ou que emiten sons. “As persoas que asistan poden preparar un bolso ou un dispositivo que interaccione dun xeito automático diante de determinadas situacións.”
Para isto empréganse ferramentas como as placas Circuit Playground Express de Adafruit, a micro:bit, as LilyPad e fío conductivo. “Son modelos libres, que se poderían clonar, evidentemente”, apunta David.
Arduino: a revolución do garaxe que segue viva
Pola tarde, o taller de Arduino convocou persoas de todas as idades que nunca tiñan tocado unha placa de electrónica. A mecánica era progresiva: entender como funciona a placa, programar un semáforo clásico, e despois construír un bat-semáforo —sensible a ultrasóns, que se activa segundo a distancia.
A pregunta obrigada: por que foi Arduino tan disruptivo no seu momento? A resposta de David é precisa:
“Porque foi a primeira placa libre programable de microelectrónica. É barata, podías facer cousas sorprendentes. E ademais, penso que agora ten un resurximento, vai ser moito máis accesible o inicio á programación coa IA, non é enfrontarse a unha placa así de forma durísima.”
E sobre o papel da intelixencia artificial en todo isto, David ten matices: “O único problema é que penso que moita xente xa se queda acomodada e xa fai todo aí. Como mínimo, entende o código.” Facer cousas ambiciosas con Arduino segue requirindo comprensión real do que está a pasar baixo o capó.
Traducir a lingua de signos co móbil: intelixencia artificial ao servizo da accesibilidade
José Luis Alba Castro e Luis Ruanova Lea son, respectivamente, catedrático e investigador do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións da Universidade de Vigo. A súa historia coa lingua de signos comezou, como moitas cousas boas, por accidente.
Cando a pandemia chegou e as máscaras se converteron en obrigatorias, o profesor que lles daba clase de lingua de signos na universidade tiña que impartila coa cara tapada. E quen sabe algo desta lingua sabe que iso é case imposible: ver a boca e as expresións faciais é fundamental para entendela. “Fastiounos ao principio entender a lingua de signos”, recoñece José Luis con humor.
Desa necesidade xurdiu un proxecto de investigación ambicioso: crear un tradutor de lingua de signos ao castelán. Algo parecido ao que xa existe para o inglés ou o francés, pero cunha dificultade engadida: a lingua de signos non é sonora, é visual.
Como funciona: cámaras, articulacións e intelixencia artificial
A clave tecnolóxica está no que os investigadores chaman keypoints ou puntos clave. Como a lingua de signos se basea nos movementos das mans, os brazos e as expresións faciais, o sistema detecta as articulacións do corpo e convérteas en puntos 3D no espazo. Nada máis.
Iso ten unha vantaxe moi importante: a privacidade. “Adquirimos o vídeo, pero inmediatamente extraemos as articulacións”, explica José Luis. “Co cal xa non necesitamos para nada a imaxe, e o procesado que se fai a posteriori é totalmente anónimo.”
Para extraer eses puntos usan MediaPipe, e por riba adestran modelos de intelixencia artificial baseados en grafos. Os modelos que desenvolven eles mesmos son libres e abertos. MediaPipe, o extractor de base, non o é, pero existen alternativas libres que dan resultados equivalentes.
Un dicionario médico e un tradutor no peto
Na Maker Faire presentaron os primeiros resultados: un dicionario médico de lingua de signos. Moitos signos relacionados coa medicina son descoñecidos incluso para as propias persoas xordas, así que a idea é sinxela e moi útil: reprodúcese un signo diante da cámara e o sistema di que significa e dá a definición.
Pero o obxectivo final vai moito máis alá. A idea é que todo isto caiba nun móbil corrente, sen equipos caros nin sensores especiais:
“A persoa xorda fala contigo e ti sacas o móbil e simplemente a filmas e o móbil xa te está traducindo.”
Ou aínda mellor: instalar o sistema nunha tablet nun organismo público. Algo que José Luis considera que debería ser obrigatorio: “É algo que deberían ter todos os organismos públicos, accesibilidade para as persoas xordas. Tes aí a túa tablet coa cámara, vén a persoa xorda, empeza a signar e tradúceselle. Esa é a idea.”
O proxecto está en marcha, os resultados son prometedores e o código é aberto. Só falta tempo, e vontade para usalo.
Un encontro que vai máis alá da tecnoloxía
Moitas persoas visitaron a Maker Faire Galicia ao longo das súas doce edicións. Máis de 1.550 makers participaron con máis de 600 proxectos. E a feira chegou a xente de máis de 15 países.
Pero os números non contan todo. O que conta é o vaso deseñado para que alguén con ataxia poida beber sen axuda. O debuxo dunha nena que cobra vida nunha pantalla. A chaqueta que se ilumina cun xesto. O salto xeneracional que Jordi representa co seu exemplo máis próximo: a filla que medrou entre pezas de impresoras 3D e que hoxe presenta proxectos ela mesma.
A Maker Faire Galicia non é unha feira de tecnoloxía. É un recordatorio de que calquera pode facer, crear e compartir. E de que facelo en aberto —para que outros o poidan mellorar e continuar— é, quizais, a forma máis xenerosa de innovar.
A próxima cita é o 9 de outubro, na Casa das Máquinas de Santiago, coa Xornada de Industria. Entrada libre e gratuíta.
Máis información: makerfairegalicia.es
