Mancomún, como coordinador da delegación galega, mantén aberto o prazo para a presentación de propostas de intervención
O principal ideólogo da denominada “[[Web 2.0]]”, [[Tim O’Reilly]], impartirá o relatorio inaugural na Conferencia Internacional de Software Libre 2008, que se celebrará na capital malagueña do 20 ao 22 de outubro e reunirá a máis de 7.000 expertos e profesionais do sector das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC). O’Reilly, irlandés afincado en Estados Unidos, é un dos principais impulsores mundiais do Software Libre e da concepción de Internet como intelixencia colectiva.
Na Conferencia Internacional de Software Libre 2008 daranse cita relatoras de nivel internacional, entre eles autoridades do mundo do Software Libre e representantes das institucións públicas, a empresa, as telecomunicacións e o ámbito académico.
Segundo fontes da organización, un primeiro programa provisional, relativo exclusivamente ás propostas individuais presentadas (Call For Papers), farase público nos primeiros días do mes de agosto. Non obstante, os eventos de maior relevancia como as de personalidades destacadas, representacións institucionais e administrativas continuarán perfilándose ao longo de todo mes.
A delegación galega coordinada por Mancomún
Mancomún, como axente dinamizador da comunidade de Software Libre en Galiza, coordinará nesta ocasión á delegación que dende Galiza acuda ao evento. Deste xeito, tanto as iniciativas individuais como as procedentes de colectivos ou de empresas poderán contar co respaldo da Administración para participar nunha das citas obrigadas para calquera persoa vencellada ao eido das tecnoloxías abertas.
Dado que o prazo estipulado pola organización para a presentación de intervencións está xa pechado, Mancomún, co propósito de facilitar a participación no encontro, apadriñará calquera proposta procedente da comunidade de Software Libre en Galiza de xeito que o seu proxecto poida aínda ter cabida e presenza na Conferencia Internacional.
A Conferencia Internacional de Software Libre 2008
O programa da Conferencia Internacional de Software Libre 2008 virará en torno ao lema “Un camiño sustentable”. Desde esta perspectiva, abordarase a vertente técnica do Software Libre, como poden ser as distribucións (compilacións de programas configurados e listos para utilizar polos usuarios), as linguaxes de programación ou os estándares abertos para os formatos de almacenamento e os protocolos de comunicación da información. Así mesmo, revisaranse as iniciativas institucionais de impulso á utilización do Software Libre e o seu apoio aos ecosistemas de creación de tecnoloxías non restritivas para os usuarios.
As cuestións sociais, como a accesibilidade ou a inclusión dixital, e os aspectos socio-xurídicos das tecnoloxías da información e as telecomunicacións serán unha parte esencial do debate técnico propiciado por esta reunión internacional de expertos.
Estes temas serán abordados a través de conferencias maxistrais, sesións plenarias e mesas redondas, que se completarán cunha zona expositiva de máis de 6.500 metros cadrados na que os asistentes poderán experimentar cos produtos e coñecer os proxectos lanzados polas institucións e empresas.
Fonte: Cibersur
