Unha Europa dixital, aberta e federativa. Con esta máxima resúmense as principais conclusións acadadas no transcurso do encontro europeo “Construíndo unha Europa Dixital”, no que participou o coordinador do Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza, Xesús M. Benítez Baleato, o pasado 6 de maio en Bruxelas en calidade de membro do Grupo de Expertos do IDABC.
O portal ePractice.eu, o sitio que a Comunidade Europea lanzou en 2007 como punto de encontro de iniciativas europeas en materia de e-Goberno, vén de facer público o informe dos resultados, nos que se recollen as principais conclusións, como pautas estratéxicas de cara ao establecemento dunha política europea futura, forte e consolidada.
Estes principios baséanse fundamentalmente nas ideas defendidas no transcurso do debate por Suso Baleato e as cales se fundamentan na experiencia previa existente en Galiza co PEGSI (Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información). Deste xeito, Mancomún traslada os seus principios e propostas ao marco comunitario, convertendo a política galega en modelo de referencia a nivel europeo no eido da tecnoloxía e da sociedade da información.
O encontro, ao que foron convidados preto dun toal de 50 expertos procedentes de toda Europa, foi o último encontro de traballo do proxecto EUReGOV, organizado polos entidades asociadas RAND Europe e UNU-MERIT.
