Ao igual que a iniciativa de AUSLUSC, este curso tamén achegará as tecnoloxías libres ao programa de cursos de verán da USC
A Oficina de Software Libre da Universidade de Santiago de Compostela organiza entre os días 20 e 24 de xullo o curso “A Revolución do Software Libre (OsRevolution 09)”. Este seminario, enmarcado no programa de cursos de verán da USC, ten como principal obxectivo expoñerlles aos asistentes a historia dos cambios que nos últimos dez anos foron revolucionando a industria da informática e a da súa relación cos usuarios destas tecnoloxías.
Segundo isto, as conferencias serán exposicións teóricas que abranguerán os diferentes aspectos e axentes implicados nesta revolución, sendo impartidas por recoñecidos referentes profesionais e filosóficos das múltiples áreas- Administracións, empresas, universidades, asociacións.
O curso está dirixido a un público xeralista, coa vontade de amosar o xeito en que o software libre afecta a toda a sociedade.
Partirase das nocións básicas e non serán precisos coñecementos previos de ningún tipo. No entanto, agárdase que o curso sexa tamén de interese para os veteranos no mundo do software libre, xa que permitirá abordar moitos aspectos que decote quedan en segundo plano.
As xornadas impartiranse na Facultade de Xeografía e Historia, sumando ata un total de 31 horas lectivas. Os interesados deberán matricularse antes do día 10 de xullo, segundo os procedementos estabelecidos pola USC.
“A Revolución do Software Libre (OsRevolution 09)” inscríbese no marco dos Cursos de Verán da USC promovidos pola Vicerreitoría de Cultura da Universidade de Santiago de Compostela. Os/as asistentes terán dereito a un diploma no que constarán o título do curso, o número de horas e a asistencia. Para os/as estudantes da USC, este curso será recoñecible como 2 créditos de libre configuración.
Fonte: OSLUSC
