Mancomún

A UE sitúa a Mancomún como centro pioneiro de interoperabilidade semántica no ámbito estatal

Venres, 20 Xuño 2008

  • Inaugúrase o Centro Europeo de Interoperabilidade Semántica (SEMIC) para facilitar a implantación dos servizos paneuropeos de goberno electrónico
  • A Unión Europea incorporou a taxonomía de software empregada pola Forxa de Mancomún como recurso semántico do SEMIC

semic

SEMIC, o Centro de Europeo de Interoperabilidade Semántica, xorde como unha iniciativa da Unión Europea para abordar o gran reto da interoperabilidade semántica, é dicir, a capacidade de intercambio de datos e de comunicación entre as distintas administracións europeas preservando o significado dos datos. A nova plataforma foi presentada oficialmente pola Dirección Xeral de Informática da Comisión Europea (DIGIT) na conferencia “SEMIC Launch” que tivo lugar o pasado 17 de xuño en Bruxelas e na que se deron cita representantes dos principais proxectos europeos relacionados coa materia.

O Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza, Mancomún, acudiu ao evento tras ser convidado pola IDABC como proxecto asociado, sendo o único do estado español. A delegación galega estivo conformada polo seu coordinador, Xesús Manuel Benítez Baleato, e a responsable de comunicación, Irene Touriño, que acudiron ao evento co obxecto de participar nunha sesión de traballo na que Mancomún era un dos panelistas seleccionados, consolidando así o interese que o Centro de Referencia e Servizos de Software Libre galego está a espertar en Europa .

semic“Galiza está a participar na construción da Unión Europea e unha boa mostra é a achega de Mancomún dende a súa colaboración en proxectos europeos como o SEMIC, aportando os nosos coñecementos e a nosa experiencia en materia de tecnoloxías abertas. En breve presentarase o OSOR (Observatorio e Repositorio Europeo de Software Libre) sobre unha estrutura na que nós xa levamos tempo traballando e sobre a que estamos prestando asesoramento a través do Grupo de Expertos do IDABC”, asegura Baleato. Quen, ademais, foi un dos autores seleccionados no libro de presentación do proxecto cun artigo titulado “On the semantics domain of the European Construction”.

No caso concreto da plataforma SEMIC, Mancomún participa como proxecto asociado grazas aos avances acadados en materia de interoperabilidade semántica, motivo polo que a Unión Europea seleccionou a taxonomía de software empregada no repositorio galego (A Forxa) como único activo semántico achegado dende o Estado español. A achega de Mancomún pode ser consultada na propia web do SEMIC.

 

SEMIC, unha aposta europea pola interoperabilidade semántica

O IDABC creou SEMIC co propósito de crear un punto de referencia para a interoperabilidade semántica en Europa. O proxecto ofrecerá servizos de asesoramento e de colaboración na investigación de sistemas e estruturas de interoperabilidade, e, o que é máis importante, creará un repositorio para o depósito e a descarga de activos de interoperabilidade, tales como os modelos de datos ou taxonomías.

Segundo explicou o xefe de proxecto, Aldo Laudi, “SEMIC é fundamental para acadar os primeiros pasos cara a interoperabilidade semántica, xa que facilita o proceso polo cal o significado real dos contidos pode ser intercambiado, entendido e reutilizado”.

SEMIC ten como obxectivo definir unha arquitectura de alto nivel necesaria para a prestación de servizos paneuropeos de administración electrónica. Estes enténdense como aqueles servizos públicos transfronteirizos subministrados aos cidadáns e ás empresas por administracións públicas comunitarias de calquera estrato por medio de redes telemáticas transeuropeas interoperables entre administracións públicas.

A prestación, por tanto, dos servizos paneuropeos de administración electrónica é unha tarefa extremadamente complexa por razón da multiplicidade e da heteroxeneidade dos sistemas e organizacións que han de traballar xuntas. En Europa conviven centos de administracións en distintos estratos; non obstante, nesta idea radica o maior atractivo do fenómeno, ao garantir a autonomía das distintas administracións e o seu multilingüismo fronte a outros sistemas centralizados e xerárquicos.

A interoperabilidade semántica para a cidadanía

Noutras palabras, a interoperabilidade semántica é a habilidade entre dous sistemas para establecer os mesmos significados entre táboas de datos que permitan ser intercambiables entre eles.

Un exemplo práctico estableceríase cando unha persoa viaxa a ouro pais da Unión Europea e intenta mercar medicina polo seu nome comercial. As marcas difiren dun país a outro, de xeito que a tarefa faríase imposible de non existir unha composición química como elemento de semántica común en ambos lugares.

O establecemento dunha administración electrónica paneuropea que beneficie a toda a cidadanía, facilitando a súa mobilidade por toda a xeografía europea sen precisar de trámites administrativos lentos e tediosos require de estruturas e linguaxes comúns baseadas na interoperabilidade semántica.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal