Mancomún

A versión oficial en galego de Firefox 3 está en camiño

Xoves, 12 Xuño 2008

  • Os traballos de localización coordinados por Mancomún avanzan favorablemente, téndolle achegado xa á Fundación Mozilla o 100% da tradución nun tempo récord
  • Estímase que o novo Firefox 3 poderá probarse coincidindo co período festivo que se celebra entorno ao Día Nacional do noso país.
  • A comunidade galega do software libre agarda con ansiedade as primeiras copias do programa para acelerar a fase de testaxe

A labor de coordinación de Mancomún e os esforzos realizados dende a propia Fundación Mozilla para acelerar un proceso, de por si, lento, permitirá o lanzamento dunha nova tradución oficial do navegador nun tempo récord.

Os traballos de localización ao galego do Firefox 3 avanzan favorablemente, tendo concluído xa a tradución do 100% das cadeas lingüísticas do navegador. Nestes momentos a tradución coordinada por Mancomún atópase en mans da Fundación Mozilla, que deberá dar paso á seguinte fase do proceso: a de testaxe do programa, fase na que a comunidade galega de tradución de Software Libre xa ten amosado o seu interese en participar.

Segundo as estimacións achegadas, o Firefox 3 en galego podería estar dispoñible nun mes a contar a partires do Download Day-previsto para o 17 de xuño- coincidindo así cunha época propicia para as celebracións entorno ao Día Nacional do noso país, instituído a través do Decreto publicado no DOG o 1 de xaneiro de 1979.

A lentitude do proceso é imposta pola Fundación Mozilla que, co fin de asegurar a calidade de todos os seus produtos, somete cada nova tradución a un duro proceso de avaliación. De non existir ningún problema, a tradución coordinada por Mancomún sería incorporada ao repositorio oficial de Mozilla para dar inicio ao proceso de compilación. Á súa vez este proceso de compilación serve de base para un período de testaxe no que se fan dispoñibles copias do programa en fase inestable para ser probadas en busca de erros de funcionamento. Finalmente, e unha vez corrixidos os erros, o programa pasa á fase estable, momento no que este é publicado de forma oficial pola Fundación Mozilla tornándose así nunha versión oficial do programa.

Unha comunidade máis que activa

O proceso de tradución ao galego do navegador libre Firefox viviu un punto de inflexión a finais do pasado mes de maio a raíz das declaracións realizadas polo co-fundador da Fundación Mozilla Europa, Tristan Nitot, no transcurso da inauguración do Bdigital Global Congress en Barcelona o día 20 de maio. Este feito precipitou os acontecementos, acelerando unha liña de traballo que levaba cinco anos estancada, debido á inaccesibilidade da Fundación Mozilla.

As palabras de Nitot dando a entender que non habería unha versión oficial de Firefox en galego porque en Galiza non había “voluntarios aos que lle importe o seu idioma” causaron a inmediata reacción da comunidade galega de localización, que se mobilizou obtendo relevantes apoios nun chamamento para xerar unha resposta conxunta ante unhas declaracións que foron percibidas como “inxustas” e “ofensivas”.

En menos de 48 horas, esta comunidade obtivo o respaldo do propio Goberno Galego conseguindo que a Fundación Mozilla-Europa emitira un comunicado público no que o mesmo Nitot admitía o seu erro e daba prioridade aos fíos de comunicación con Mancomún, como coordinadora na tradución.

Grazas á implicación de voluntariado, asociacións, empresas e institucións do noso país, a nova versión oficial do Firefox 3 ao galego será unha realidade.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal