Mancomún

Mancomún, paradigma de interoperabilidade en Europa

Venres, 13 Xuño 2008

SemicO Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galicia participará nos vindeiros días en diversos eventos europeos, promovidos polo IDABC, co fin de compartir o seu modelo exemplar en materia de interoperabilidade entre administracións públicas.

Este periplo europeo comezará coa participación na presentación do Centro Europeo de Interoperabilidade Semántica Semic.eu, o día 17 de xuño, e rematará o 25 coa intervención na xornada informativa sobre a nova versión do Marco de Interoperabilidade Europea, EIF Info Day 2008. Así mesmo, Mancomún estará presente no lanzamento do Repositorio Europeo de Software Libre (OSOR) o 18 de xuño.

A intervención nestes encontros, a cargo do coordinador de Mancomún, Xesús Manuel Benítez Baleato, en calidade de membro do Grupo de Expertos da IDABC, serán posibles grazas ao convite expreso das institucións europeas competentes. Este feito pon de manifesto o interese que a labor realizada dende Mancomún está a espertar en Europa, non só como referente indiscutible no eido específico do Software Libre, senón tamén na súa aplicación práctica para a consecución doutras metas, como é o da interoperabilidade entre administracións públicas.

A popularidade de Mancomún vense incrementando progresivamente dende a presentación do proxecto do Centro de Referencia e Servizos de Software Libre e o seu plano estratéxico 2008-2010 no transcurso do evento europeo “IDABC e máis alá”, celebrado en Eslovenia o pasado mes de febreiro.


Conferencia inaugural do SEMIC

Mancomún é actualmente o único proxecto do Estado español asociado ao SEMIC e que acudirá ao evento para expoñer os avances acadados en interoperabilidade semántica no contexto da Forxa. O evento terá lugar en Bruxelas o vindeiro martes 17 e nel participarán até 25 proxectos procedentes de toda Europa.

Co propósito de acadar unha maior difusión da iniciativa, dende o Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza desprazarase ao evento, nesta ocasión, tanto o coordinador, Baleato, como a responsable de comunicación, Irene Touriño .

O Centro Europeo de Interoperabilidade Semántica SEMIC.EU púxose en marcha polo IDABC para facilitar o intercambio de datos nos servizos panaeuropeos de administración electrónica. SEMIC.EU achegará funcionalidades relativas ao repositorio e control de calidade dos esquemas XML, a colaboración e cooperación e a comunicación e difusión de resultados. 


A interoperabilidade dos servizos panaeuropeos

Estes eventos europeos teñen como finalidade acadar un alto grao de interoperabilidade entre as distintas administracións públicas, evitando a proliferación de sistemas illados e solucións descoordinadas que se comporten como silos estancos de coñecemento.

O Marco Europeo de Interoperabilidade define un conxunto de recomendacións e directrices para os servizos de administración electrónica, de maneira que as administracións, as empresas e os cidadáns poidan interactuar de forma transfronteiriza nun contexto panaeuropeo.

En Galiza desenvolveuse na mesma liña o Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI) 2007-2010 dando pé á aposta do goberno galego pola interoperabilidade de coñecemento aberto.

Entre os principios destacados en ambos planos, a garantía de interoperabilidade mediante o uso de estándares abertos e o aproveitamento das vantaxes de software baseado en fontes abertas constitúen uns dos elementos de maior relevancia.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal