Mancomún

Aberta a inscrición de relatorios e participantes ao encontro en liña EDUSOL 2008

Xoves, 21 Agosto 2008
EdusolA Universidade Nacional Autónoma de México (UNAM) organiza, a través do seu Proxecto de Investigación Psicoeducativa, o Cuarto Encontro en Liña de Educación e Software Libre, EDUSOL 2008, que se celebrará do 10 ao 21 de novembro de 2008 e no que se abordará como tema xeral a “Sociedade do coñecemento e cultura libre”.

O encontro EDUSOL ten como obxectivo a posta en común de experiencias educativas con Software Libre, así como a reflexión sobre as mesmas e a creación de novas propostas a partir das opinións e os debates xerados.

Con este propósito os organizadores do evento invitan a docentes, investigadores, desenvolvedores de Software Libre e persoas interesadas no ámbito educativo a participar na modalidade de relatorio, obradoiro, titorial ou simposio por IRC. A recepción destas propostas permanecerá aberta até o vindeiro 15 de outubro.

Asemade, as persoas que desexen participar exclusivamente como asistentes para discutir e colaborar conxuntamente, poderán inscribirse até o 2 de novembro.

Mancomún participa dunha experiencia similar en España

O Congreso Nacional Internet na Aula celebrado simultaneamente en Madrid, Barcelona, Granada e Santander entre os días 26 e 28 de xuño tivo unha orientación moi similar a do encontro EDUSOL, no que se refire á súa modalidade online.

O evento concluíu cun rotundo éxito de participación de docentes, dos cales 3.000 amosaron o seu interese pola vertente das tecnoloxías abertas no eido educativo. Mancomún participou no Congreso Presencial Internet na Aula achegando aos participantes do mesmo os logros acadados polo Centro.

Máis información

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal