Mancomún

Mozilla traballa no desenvolvemento dun plugin para mellorar Internet Explorer

Xoves, 21 Agosto 2008

Canvas Mozilla, a creadora do navegador libre Firefox, está a desenvolver un plugin para o seu principal competidor: Internet Explorer de Microsoft. O anuncio, confirmado polo propio desenvolvedor, sinala que o obxectivo dese plugin será facer compatible ao IE con HTML 5 Canvas, un elemento da linguaxe HTML que a día de hoxe é incapaz de interpretar.

O elemento Canvas, que será incluído na próxima versión da linguaxe que está detrás de todas as webs do mundo, permite aos desenvolvedores enviar ordes ao navegador para que este se encargue de pintar sobre unha rexión da páxina un gráfico determinado. E aínda que Firefox se adiantou ao estándar e xa inclúe esa capacidade, Mozilla propúxose que o seu competidor tamén a adquira.

Un navegador pouco avanzado

A vía elixida por Mozilla foi a de desenvolver un Plugin para o navegador de Microsoft, que faga desde fóra o que Firefox fai desde dentro. Canvas está a utilizarse xa nalgunhas aplicacións tan coñecidas como Google Maps.

De feito, a deixadez -seguramente intencionada- da empresa de Redmond obrigou aos do buscador a desenvolver unha especie de sucedáneo chamado Explorer Canvas, que tenta conseguir o mesmo efecto para os usuarios do programa de Microsoft que o que ven os de Firefox cando navegan polos mapas interactivos.

O problema é que esa vía (que usa fundamentalmente unha tecnoloxía coñecida como VML, alternativa de Microsoft a SVG) é demasiado lenta cando ten que executarse, polo que non serve para desenvolver aplicacións moi interactivas.

Motivos razoables

A explicación a esta iniciativa radica na estratexia de Mozilla para desbancar a Explorer do seu cómodo trono. En termos moi simples, os creadores de Firefox pretenden obrigar ao navegador de Microsoft a adaptarse os estándares. Queren que ocorra o contrario que na actualidade, onde son os deseñadores de páxinas quen deben adaptarse á particular maneira que ten Explorer de interpretar as normas, se queren que a maioría de usuarios visualicen ben a páxina.

Noutras palabras: facendo a Explorer máis compatible, esperan liberar aos desenvolvedores de parte da pesada carga que supón programar un mesmo sitio para varios espectadores. E favorecer, de rebote, a súa posición no mercado.

Fonte: ADN

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal