Mancomún

Caixanova organiza un máster en Software Libre

Luns, 9 Xuño 2008
Caixanova, a Universidade Rei Juan Carlos e Igalia porán en marcha no próximo curso académico 2008-2009 unha nova edición do Máster sobre Software Libre. O programa impartirase os venres e sábados, no Centro Social Caixanova de Vigo.

Trátase dunha iniciativa pioneira en Vigo, que xa obtivo un grande éxito de convocatoria na súa edición da Coruña e que amplía a oferta de cursos de especialización que se desenvolven na nosa comunidade.  

O Máster en Software Libre, que nace cunha clara orientación práctica e profesional, está dirixido principalmente a recentemente titulados ou profesionais que queiran complementar a súa formación co obxectivo de dirixir, analizar e participar en proxectos de software libre de ámbito internacional. O profesional que curse o programa estará capacitado para traballar en grandes empresas do sector TIC e liderar proxectos de liberación, desenvolvemento e publicación de software libre.

Os contidos, que serán impartidos por profesionais avalados por un comité asesor, terán un enfoque práctico, incluíndo ademais un practicum en empresas ou institucións en proxectos de software libre.

O obxectivo do máster é que os asistentes obteñan as aptitudes necesarias para participar con éxito en calquera proxecto libre, que neste momento contan cunha elevada demanda por parte de empresas tecnolóxicas e administracións públicas. Éstas déronse conta da oportunidade que supón o software libre en canto ás melloras en produtividade e redución de custos. A consolidación do Software Libre pódese comprobar en base ao éxito de proxectos como GNU/Linux, OpenOffice, Mozilla Firefox, Apache, Gnome e KDE, así como a publicación como software libre da plataforma Java de Sun Microsystems.

Inscrición:

Prazo ordinario: ata o 4 de xullo 2008
Prazo extraordinario: ata 26 de setembro 2008

Os impresos de solicitude poderanse descargar desde a web de Caixanova e entregaranse en calquera das súas sucursais ou mediante correo convencional, unha vez formalizados e acompañados da información que se solicite.

Matrícula:

A formalización da matrícula realizarase ata o 10 de outubro. Os impresos poderanse descargar tamén desde a Web de Caixanova e entregaranse en calquera das súas sucursais ou mediante correo convencional, unha vez formalizados e acompañados da información que se solicite.

Máis información

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal