Canonical, a empresa fundadora do proxecto Ubuntu, anunciou hoxe que acaba de poñer dispoñíbel con licenza libre (AGPLv3) o codigo fonte de Launchpad, unha plataforma colaborativa e de desenvolvemento de software que usan miles de desenvolvedores.
Launchpad permite aos desenvolvedores almacenar e compartir o código fonte de diferentes localizacións usando o sistema de control de versións Bazaar, integrado en Launchpad. Os tradutores poden colaborar na tradución de diversos proxectos. Os usuarios finais poden notificar de erros que afecten a un ou máis proxectos de maneira que os desenvolvedores poidan colaborar para resolvelos. Os colaboradores poden escribir, propoñer e xestionar as especificacións do software.
Resumindo, Launchpad elimina as barreiras fomentando a colaboración e permitindo ás persoas que o usan encontrar apoio técnico uns nos outros, incluso entre distintos proxectos, usando tanto a interface web de Launchpad como a súa API.
En palabras de Canonical: "Launchpad ten todo o que calquera proxecto de software, sexa software libre ou non, necesita para poder ser un éxito"…
"Launchpad acelera a colaboración entre os proxectos de software libre", dixo Mark Shuttleworth, o CEO de Canonical. "A colaboración é o motor da innovación no desenvolvemento de software libre, e Launchpad da apoio a unha das fortalezas que ten o software libre fronte ao modelo tradicional de desenvolvemento de software propietario. Os proxectos de Launchpad están inmediatamente conectados con todos os outros proxectos dunha maneira que a colaboración no código, as traducións, as correccións de erros e deseño de novas características se poden levan a cabo dunha maneira máis sinxela. En vez de ter proxectos individuais, temos unha comunidade grande e conectada que colabora xunta en moitos proxectos. E "liberar" o código fonte de Launchpad danos a posibilidade de mellorar día a día o servizo que usan."
Anuncio de Canonical
http://www.ubuntu.com/news/canonical-open-sources-launchpad
