O intercambio de coñecementos das populares iniciativas Google Summer of Code e Google Highly Open Participation inspiraron un novo proxecto de Google. Trátase de Melange Project, unha plataforma que quere propiciar o desenvolvemento e a compartición das novas liñas de código aberto.
Segundo o responsable do proxecto, a iniciativa pretende ser unha ferramenta útil para facilitar a interacción entre usuarios e desenvolvedores de software de fontes abertas e potenciar así o intercambio de código. O nome de “Melange” provén da novela “Dune” escrita por Frank Herbert onde hai unha especie chamada así.
A principal diferenza entre o proxecto Melange e as plataformas que se utilizan tanto en Google Summer of Code, iniciativa pola cal universitarios poden participar de forma remunerada en proxectos de código libre, como en Google Highly Open Participation, destinado a estudantes de bacharelato, é que nos dous últimos casos as plataformas só funcionan en sistemas aloxados por Google. En cambio, Melange é compatible con todos os sistemas xa que unha das súas finalidades é a compartición de traballo. Ademais, Melange está suxeito a licenza libre Apache 2.0.
