Mancomún

Innovación e Industria promove a formación en Software Libre entre os parques empresariais galegos

Xoves, 28 Agosto 2008
A iniciativa enmárcase dentro dun ambicioso plan de formación TIC dotado con máis de 500.000 euros

Innovación e IndustriaA Consellaría de Innovación e Industria e a Federación Galega de Parques Empresariais (FEGAPE) asinarán un convenio de colaboración para a posta en marcha dun plan de formación en novas tecnoloxías dirixido ás empresas do país. Esta medida, da que se beneficiarán até un total de 97 parques empresariais galegos, introducirá o Software Libre entre os seus contidos como un elemento fundamental para acadar o desenvolvemento económico sustentable entre as PEMES galegas.

A iniciativa enmárcase entre os obxectivos establecidos polo Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI) e do Plano Avanza, e estará dotada cun orzamento total de 509.632 euros, achegados integramente pola Consellaría de Innovación e Industria.

O programa centrarase en tres campos de actuación: a factura electrónica, o DNI dixital e o comercio electrónico.

No caso da factura electrónica, o plan persegue facilitar que a maior parte das empresas poidan adoptala como solución de facturación polas súas vantaxes en canto a aforro de custes, de envío e tramitación e de facer os cobros e pagamentos máis fluídos. 

Canto ao DNI dixital, trátase dunha tarxeta de alta seguridade que ofrece importantes melloras tanto para os cidadáns en xeral coma para o sector empresarial pola multitude de servizos que ofrece. O DNI dixital inclúe certificados dixitais de identidade e sinatura electrónica, facendo posible o desenvolvemento de servizos avanzados de administración electrónica, ofrecendo máis seguridade nas transaccións de comercio electrónico e proporcionando un amplo abanico para o avance da sociedade da información.

As vantaxes do DNI electrónico e da factura dixital vense reflectidas no auxe do comercio electrónico e no aumento da seguridade das transaccións a través de internet.

O plan tamén contempla actuacións formativas en comercio electrónico, unha modalidade que vai incrementando a súa presenza na sociedade a medida que as novas tecnoloxías se ven cada vez máis inmersas na actividade cotiá dos cidadáns.

Todas estas accións de formación disporán dun módulo adicado ao Software Libre, co que se pretende introducir ás PEMES neste eido como a mellor forma para a implantación efectiva dos campos de actuación recollidos no convenio.

Ademais, debido á magnitude e o alcance do proxecto, as accións formativas dividiranse en zonas de actuación, de xeito que todos os parques teñan a posibilidade de acceder a calquera dos cursos que se desenvolvan nas localidades próximas á súa localización xeográfica.

Máis información

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal