O prazo de inscrición no curso, organizado pola USC, remata o vindeiro 4 de xullo
Co obxectivo de debater sobre o proceso de mercantilización dos bens inmateriais e cuestionar a súa lexitimidade dende diferentes ópticas, a Universidade de Santiago de Compostela (USC) en colaboración coa Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información da Consellería de Innovación e Industria (Xunta de Galicia), organiza o curso “A canonización do mercado inmaterial. A mercantilización do coñecemento”.
Mancomún ofrecerá a súa perspectiva do tema centrándose no eido dos produtos informáticos e do Software Libre a través dun relatorio impartido polo coordinador da iniciativa, Xesús Manuel Benítez Baleato, e que terá lugar o xoves 17 de xullo ás 10 horas. Esta visión completarase, a continuación, cun coloquio no que compartirán mesa, xunto a Baleato, o presidente de INEO, Jorge Cebreiros; a presidenta de EGANET, Beatriz Legerén; e o presidente de AGASOL, Javier Vázquez.
Na mesma dinámica, Joan Mayans i Planells, antropólogo social e empresario do Observatorio para a Cibersociedade, ofrecerá un relatorio sobre os retos e os desafíos da sociedade da información. Esta presentación precederá unha mesa redonda sobre as novas estratexias na sociedade da información na que participará o director da Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourese, Enrique Barreiro, e o director de Culturagalega.org, Manuel Gago.
Esta xornada, cun carácter máis tecnolóxico, terá as súas sesións homólogas, no resto do programa, versando sobre diversas materias. En definitiva trátase de analizar cara que modelo de sociedade da información e do coñecemento se camiña no que se refire á regulación destes aspectos.
O curso, enmarcado dentro do programa de Cursos de Verán da USC, terá unha duración total de 30 horas e celebrarase na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago de Compostela entre o 14 e o 18 de xullo.
O período de matrícula está aberto ata o vindeiro 4 de xullo e a súa tramitación pode efectuarse de xeito presencial ou vía internet.
