Mancomún

Mancomún estará presente no Congreso Nacional Internet na Aula

Mércores, 18 Xuño 2008

CongresoMancomún achegará a súa proposta en materia de Software Libre aos preto de 9.000 docentes de toda España inscritos na modalidade presencial do Congreso Nacional Internet na Aula, que terá lugar entre os días 26 e 28 de xuño, de xeito simultáneo, en Barcelona, Granada, Madrid e Santander.

A iniciativa galega exporá, da man do CENATIC (Centro Nacional de Referencia de Aplicación das TIC baseadas en fontes abertas), os proxectos e as ferramentas desenvoltas no eido da Administración pública galega como unha alternativa óptima para o uso das TIC nas aulas.

Das catro localizacións nas que terá lugar o encontro, Santander será a sede asignada para o profesorado de Galicia. Non obstante, Mancomún estará en cada unha delas compartindo espazo con outros proxectos de promoción do Software Libre do Estado. Esta presenza será coordinada polo CENATIC, quen promoverá stands tipo obradoiro con computadores en cada unha das ubicacións, así como seminarios entorno as principais e máis relevantes experiencias educativas no eido das tecnoloxías abertas dentro da educación.

Congreso Nacional Internet na Aula

O 1º Congreso Nacional Internet na Aula estrutúrase como un foro participativo no que a comunidade docente verá representadas as súas inquedas e resoltas as dúbidas derivadas do uso das TIC na aula, como vía de adaptación aos novos desafíos educativos.

Este evento, baixo o lema, “Aprende, ensina” desenvólvese xa, de xeito virtual, dende o 1 de abril a través da web http://www.congresointernetnaaula.es, na que están en marcha numerosas iniciativas dirixidas a fomentar a participación activa do profesorado. Esta experiencia, que se manterá ata o día 30 de outubro, completase agora coa fase presencial. Nesta última modalidade Madrid, Barcelona, Santander e Granada estarán conectadas vía satélite co propósito de compartir experiencias, conferencias e achegas de grandes expertos mundiais en TIC e educación.

Esta experienca está directamente vinculada ao Plan Avanza, como unha medida de continuidade no propósito de potenciar o uso efectivo das TIC entre a comunidade docente. Unha vez dotada a este colectivo dos recursos e infraestruturas necesarias, organízase este congreso para formar e informar no uso das TIC facilitando a súa integración dentro e fóra da aula.

O Plan Avanza a través da Red.es, en colaboración coas comunidades autónomas, realizou nos últimos catro anos iniciativas encamiñadas á implantación das TIC que beneficiaron a 6 millóns de alumnos e 500.000 docentes de 20.000 centros educativos.

En Galicia a Red.es dotou ás aulas de máis de 5.500 computadores, 1.388 vídeos proxectos, 791 encerados dixitais e 963 computadores.

Máis información

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal