Mancomún

Microsoft sente a ameaza do Software Libre

Mércores, 6 Agosto 2008
MicrosoftO avance imparable do Software Libre non deixa indiferente a ninguén e mesmo o xigante do software Microsoft xa manifestou a súa preocupación ante un movemento que non deixa de gañar adeptos. Así o pon de manifesto o informe anual publicado recentemente pola compañía, no que se sinala como un factor de risco a presión, cada vez maior, exercida polas compañías de código aberto.

Microsoft entende que a comunidade de Software Libre está a aproveitarse ilicitamente das súas ideas e a beneficiarse da súa propiedade intelectual. Segundo especifica no documento, “varias empresas comerciais compiten connosco utilizando un modelo de negocio de código aberto que modifica e despois distribúe software de tecnoloxía aberta aos seus usuarios a un custo nominal, gañando diñeiro dos servizos e produtos complementarios que ofrecen".
Ao seu parecer, este feito atenta contra a ética da competencia posto que "estas compañías non teñen que facer fronte aos custos de I+D para o software, ademais de que algunhas destas empresas utilizaron ideas de Microsoft, ideas que nós lles temos ofrecido de forma gratuíta a unhas tarifas reducidas en conexión coas nosas iniciativas de interoperabilidade”.

Estas afirmacións, cun tinte bastante belixerante, contrastan claramente coas declaracións feitas recentemente polo fundador de Canonical, Shuttleworth, nas que aseguraba que Microsoft non declararía nunca a guerra a Linux e coas que trataba de tranquilizar á comunidade de cara a un hipotético pleito contra eles con respecto á propiedade intelectual.

Fonte: The Inquirer

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal