Mancomún

MySQL 5.4 Community Edition – Versión Previa

Venres, 24 Abril 2009

Tras a recente adquisición da empresa Sun Microsystems por parte de Oracle Corporation, disparáranse os temores entre os integrantes da comunidade do software libre: qué vai pasar co futuro de Mysql, agora que pertence ao xigante dos sistemas xestores de bases de datos, Oracle?

Recordemos que MySQL AB, a empresa onde naceu MySQL, fora comprada a primeiros do ano 2008 por Sun Microsystems. Así, coa adquisición de Sun, Oracle pasou a ser propietaria do famoso sistema de bases de datos MySQL. O “M” de LAMP.

Pois ben, semella que, polo momento, o desenvolvemento de MySQL segue adiante. Recentemente foi publicada a versión previa do que será MySQL 5.4, e xa se está a traballar na próxima MySQL 6.0, que aínda se atopa nun estado “Alpha” de desenvolvemento.
No entanto, chegan tamén novas inquietantes: no blogue de Michael Widenius, o fundador da empresa MySQL AB e desenvolvedor orixinal do proxecto, podemos ler que “moitos dos líderes do proxecto MySQL abandonaron Sun”. Isto, sen ser unha mala nova, podería chegar a poñer nerviosa á comunidade.

O único que se pode asegurar é que, polo de agora, MySQL segue adiante. Podemos ver a lista de cambios e características desta nova versión, que promete un rendemento ata un 90% superior ao da versión 5.1 para certas operacións.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal