O maior fabricante de teléfonos móbiles do mundo, Nokia, dixo o martes que a compañía surcoreana Samsung Electronics aceptou a oferta pola súa participación na firma de software Symbian. Deste xeito, Nokia consegue a aceptación de todos os accionistas de Symbian para a compra de todas as accións, o que lle permitirá facerse co control total da empresa e convertela nunha plataforma de código aberto na que participe a industria ao completo.
Con esta estratexia, Nokia intenta non perder a súa influencia no mercado da telefonía móbil fronte a outras compañías que veñen puxando con forza tales como Android ou Google.
Segundo informou a axencia de noticias Reuters, o voceiro de Nokia informou sobre a aceptación de Samsung en referencia á proposta de adquisición.
A empresa finlandesa xa anunciara en xuño que compraría máis títulos do fabricante británico de programas informáticos para teléfonos intelixentes por 410 millóns de dólares (282 millóns de euros) co obxectivo de abrir o seu código a outros fabricantes de teléfonos, en resposta a novos rivais como Google.
A compañía finalndesa contribuirá cos activos de Symbian á organización sen fins de lucro Symbian Foundation, na que se unirá a grandes fabricantes de teléfonos móbiles, operadores de redes e fabricantes de chips de comunicacións para crear unha plataforma de código aberto.
Fonte: Reuters
