Un tribunal de EE UU sentenza que un programa liberado non é un programa desprotexido
En marzo de 2006, un profesor de Física da Universidade de Berkeley demandou ao propietario dunha compañía por vender un programa informático baseado no código fonte doutro programa, o do proxecto Java Model Railroad Interface, sen cumprir coas normas de citado que a licenza open source baixo a que estaba distribuída esixía.
A demanda causou no seu día certa polémica entre os defensores do software libre polo perigo que entrañaba para este tipo de licenzas unha decisión xudicial contraria aos seus intereses. Agora, o profesor Robert G. Jacobsen debe estar contento e aliviado pois a corte de apelacións de Washington deulle a razón e indica na súa resolución que o feito de que un programador libere o seu traballo non significa que xa non estea protexido, segundo informa The New York Times.
A decisión do tribunal estadounidense lexitima así o uso de contratos comerciais para distribuír programas informáticos ou creacións artísticas dixitais para o ben común.
Desta maneira, a resolución bota por chan os medos que aínda manteñen as grandes empresas á hora de utilizar software desenvolvido por programadores que o fan no seu tempo libre sen cobrar, a priori, nada a cambio.
Outra figura que recibe unha lombeirada con esta decisión xudicial é a licenza Creative Commons, que permite modificar e distribuír libremente creacións doutras persoas, a condición de que se manteñan baixo a mesma tipoloxía.
Fonte: El País
