Mancomún

O Concello de Mugardos acolle a quinta edición do ciberencontro "Kernel"

Xoves, 4 Setembro 2008

KernelO Software Libre será novamente o protagonista do “Kernel”, o ciberencontro que dende o ano 2003 se vén celebrando no Concello de Mugardos co obxectivo de debater e pasar un bo rato entorno ás tecnoloxías libres. A quinta edición destas xornadas, que terán lugar entre os días 19 e 21 de setembro na Casa da Cultura de Mugardos, incluirá charlas e obradoiros, actividades de xogos e mesmo unha “ciber-laconada”.

Os organizadores do evento, a “Comunidade Linux o Zulo” como se fan chamar, esperan superar este ano o número de participantes das anteriores edicións coa mellora na programación de actividades previstas. A este respecto, Kernel 2008 contará, como principal novidade, cun ciclo de cine que se desenvolverá entre os días 19 e 20 ás 22:00 horas e co que poderán colaborar todos os inscritos, a través do foro.

Os torneos de xogos, pola súa banda, comezarán o venres 19 ás 20:30 horas e rematarán no serán do domingo, sendo os xogos nos que se competirá o Pro Evolution Soccer 2008 e o Call of Duty. Para amenizar a xornada do sábado tamén terán un orixinal campionato de lanzamento de hardware.

O ciberencontro de Mugardos conta co apoio de institucións e empresas (coma o Concello de Mugardos, a Concellaría de Cultura e Mocidade, MYC, Telefónica e Academia Postal).

As persoas interesadas en participar no evento poden inscribirse xa na páxina do evento.

Máis información

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal