Mancomún

Sada inaugura un novo centro da Rede de Dinamización equipado integramente con SwL en galego

Xoves, 4 Setembro 2008

Mancomún colaborou activamente no asesoramento e a posta en marcha do mesmo

 Rede de Dinamización
 Sada

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, a directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela, mailo alcalde de Sada, Abel López Soto inauguraron onte en Sada o centro da Rede de Dinamización da Sociedade da Información, que permitirá a particulares e empresas familiarizarse coas novas tecnoloxías. Concretamente farano en tecnoloxías de código aberto e en galego, grazas á colaboración e o asesoramento prestado en todo o proceso de instalación por Mancomún.

A Consellaría de Innovación e Industria destinou 115.000 euros para esta nova aula que abre hoxe ao público totalmente equipada para que o persoal dinamizador da Rede de Dinamización poda achegar á poboación ás Novas Tecnoloxías. Compoñen o equipamento da aula dez computadores fixos máis un portátil cunha estrutura de rede sen fíos (Wifi), 11 cámaras web, unha impresora B/N e outra a cor, un escáner, un proxector e unha cámara de fotos dixital.

O rexedor sadense destacou que a iniciativa intenta «implantarse nos lugares onde a fenda dixital se fai máis evidente», co obxecto de realizar políticas de inclusión da sociedade da información.

A Rede inscríbese no marco do Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información, que comenzou a súa estratexia de investimentos no ano 2006.

A Rede da Dinamización en Sada

Desde xaneiro de 2007 a Rede de Dinamización vén levando a cabo no Concello de Sada unha serie de actividades, como obradoiros, charlas, cursos de formación específica, adaptándose ás necesidades dos colectivos sociais para lograr un achegamento nas Novas Tecnoloxías daqueles máis desfavorecidos. En concreto organizáronse un total de 68 obradoiros nos que participaron 484 persoas, das cales un 70% foron mulleres. Hai que destacar que a franxa de idade maioritaria foi a das persoas entre 55 e 64 anos.

Estes obradoiros foron de índole tecnolóxica variada, aínda que os máis demandados foron os referidos á iniciación á Internet, á informática e á creación e manexo dunha conta de correo electrónico. Por último, hai que facer mención ao alto número de usuarios e usuarias que a Rede de Dinamización obtivo en Sada, xa que entre as 157 mulleres e 98 homes sumaron un total de 255 usuarios/as rexistrados.

Máis información

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal