
O coruñés Nacho de la Fuente, creador do mellor blog en español de 2006 segundo os Premios BOB,
informa no seu blog que o vindeiro domingo 31 de agosto arrinca unha nova edición deste recoñecido galardón.
Segundo explica De la Fuente, o concurso iniciará na data anteriormente sinalada a primeira fase da quinta edición dos
Premios Best of The Blogs BOBs 2008. Estes premios, que concede o ente público alemán Deutsche Welle, son considerados os “oscars dos blogs”. Xa no pasado ano o encontro reuníu a máis de 7.000 bitácoras de todo o mundo, cifra á que se sumaron as máis de 100.000 votacións dos internautas.
Estes premios internacionais dos blogs, podcasts e videoblogs creceron continuamente e actualmente concédense en 10 idiomas.
Os vencedores finais –que se darán a coñecer a mediados de novembro– son nomeados por decisión dun xurado internacional composto por importantes figuras da blogosfera mundial, mentres que os gañadores do premio do público son seleccionados a través dunha votación online. Estas son as diferentes categorías:
- Mellor blog. Ao blog campión non lle falta nada: Un tema apaixonante, deseño que cativa e unha presentación dos contidos ao mellor nivel.
- Mellor Podcast. Nesta categoría búscase ao mellor podcast de vídeo ou de audio. Non se inclúen contidos de medios tradicionais, xa que se busca ao mellor “gravador caseiro”.
- Mellor Videoblog. As entradas dos blogs que opten como candidatos a esta categoría (Videoblogs ou Vlogs) teñen que constar na súa totalidade ou maioritariamente de vídeos.
- Premio Reporteiros Sen Fronteiras. En cooperación coa organización Reporteiros sen Fronteiras, este galardón distingue a blogs dedicados de maneira especial á defensa da libre expresión.
- Premio Blogwurst. Raro, diferente, rebelde. Este premio distingue a un blog que nos levante o ánimo, que nos exalte ou que simplemente fale dun tema orixinal. Os blogs nesta categoría realmente deben ser “diferentes”.
- Mellor blog por idioma. Aquí búscase o mellor blog en cada un dos dez idiomas do certame. Teñen especial consideración aqueles blogs que fan un achegue a debates públicos, ao analizar e comentar temas da actualidade. Os idiomas son: Alemán, Árabe, Chinés, Español, Francés, Holandés, Inglés, Persa, Portugués, Ruso
O proceso de selección comeza nuns días e calquera persoa pode apuntar a súa bitácora a partir do vindeiro domingo neste enlace.