Mancomún

O IDABC publica o borrador da segunda versión do Marco de Interoperabilidade Europeo (EIF)

Venres, 8 Agosto 2008
Mancomún canalizará todas as achegas que a comunidade galega queira facer para a redacción do documento final

EIFO Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza, Mancomún, no seu propósito de estender a toda a comunidade galega de Software Libre a posibilidade de participar no proceso de construción europea, canalizará calquera proposta que se achegue con respecto ao segundo borrador do Marco de Interoperabilidade Europeo (EIF), recentemente publicado polo IDABC.

O coordinador de Mancomún, Xesús Manuel Benítez Baleato, como membro do Grupo de Expertos do IDABC, remitirá conxuntamente estas propostas á Comisión Europea para a súa posterior valoración e posible incorporación ao documento final.

O EIF é o documento sobre o que se substentará a construción dos servizos panaeuropeos de goberno electrónico. Dada a importancia e a repercusión que estas políticas estratéxicas terán no futuro para todas as administracións europeas, Mancomún quere incentivar a intervención galega, non só dende as institucións públicas senón tamén por parte de toda a sociedade.

A este respecto, Mancomún leva participando activamente na configuración do EIF dende os seus primeiros bocexos, defendendo claramente o uso dos estándares e as tecnoloxías abertas como único sistema viable para o desenvolvemento dun goberno electrónico europeo común.

Este principio, recollido como factor clave pola nova versión do EIF, é dende hai tempo unha das liñas estratéxicas fundamentais das políticas públicas da Xunta de Galiza no seu obxectivo de acadar o desenvolvemento pleno da Sociedade da Información en Galiza. Esta iniciativa está recollida no Plano Estratéxico Galego da Información PEGSI), en cuxa elaboración participou tamén Baleato como asesor técnico.

As propostas serán recollidas por Mancomún no enderezo mancomun @ mancomun.org até o día 18 de setembro.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal