A raíz dos contactos estabelecidos entre Mancomún e o Centro de Investigación para a Localización (LRC) en Irlanda, a comunidade de tradutores de software libre ao galego acaba de ser convidada expresamente por membros da organización a participar na “Semana da Acción para a Información Global, AGIS 09” que terá lugar entre os días 21 e 25 de setembro na Universidade de Limerick (Irlanda). Asemade, Mancomún podería impartir algún dos relatorios previstos, de concretarse o ofrecemento realizado.
O Agis 09 ten como obxectivo reunir a centos de tradutores voluntarios, especialistas en localización e ONG de todo o mundo co propósito de afrontar os problema derivados das carencias da información global e para os que a tradución e a localización se converten en factores básicos para a súa superación. Trátase dunha iniciativa organizada conxuntamente por Tradutores sen Fronteiras e a Fundación Rosetta, e da que participa colateralmente o LRC.
O encontro estrutúrase en dúas partes diferenciadas; dedicada a primeira delas á tradución sen fins comerciais. Este bloque discorrerá entre os tres primeiros días e será de carácter gratuíto. O resto do programa enmarcarase, cun enfoque máis comercial, na decimocuarta edición da conferencia anual do LRC, a cal este ano terá por título “Localización nas nubes” (Localization in the cloud). Para o acceso a estas xornadas será preciso a inscrición previa e o pagamento das taxas fixadas.
Dado o seu carácter máis aberto e acorde co movemento do software libre, a posíbel participación galega tería o seu protagonismo nos primeiros días do congreso. Segundo fontes da organización, “quedamos impresionados co traballo de Mancomún e por iso quixemos convidalo a compartir a súa experiencia no eido da localización con todos os asistentes ás xornadas”.
A invitación para a asistencia ao evento fíxose tamén extensible ao resto da comunidade galega de tradutores xa que, en palabras dun dos membros da organización “nestas conferencias fálase moito da localización do software privativo, pero sería interesante que alguén falase tamén do software libre”.
Mancomún e a súa proxección internacional
A comunidade de investigadores europea leva tempo amosando especial interese polo labor realizado dende Mancomún nas distintos frontes nas que se move no eido do software libre: localización, promoción, desenvolvemento…, pero tamén na súa aplicación práctica para a consecución doutras metas como o aforro de custos, a autonomía tecnolóxica e a interoperabilidade entre administracións públicas.
A popularidade de Mancomún a nivel europeo veuse incrementando progresivamente dende a presentación do proxecto do Centro de Referencia e Servizos de Software Libre e o seu plano estratéxico 2008-2010 no transcurso do evento europeo “IDABC e máis alá”, celebrado en Eslovenia o mes de febreiro de 2008.
O resto do seu recoñecemento foi chegando progresivamente coa escolla do modelo galego para a posta en marcha do Observatorio e Repositorio Europeo de SwL (OSOR), o recoñecemento do informe casuístico da UNU-Merit, as participacións no Grupo de Expertos do IDABC…
