O proxecto GNU, fundado polo gurú do Software Libre, Richard Stallman, celebra durante todo o mes de setembro o aniversario número 25 do seu sistema operativo libre GNU. Con motivo deste acontecemento, a Fundación de Software Libre (FSF) vén de publicar na web do proxecto un pequeno vídeo protagonizado polo polifacético humorista inglés, Stephen Fry.
“Happy Birthday to GNU”, como se titula a peza audiovisual, reproduce un discurso de Fry de aproximadamente cinco minutos, no que o actor compara o sistema operativo libre á “ciencia correcta” e o contrasta coa “clase de tiranía” imposta polo software privativo producido por empresas como Microsoft ou Apple. Fry anima a calquera persoa a empregar distribucións GNU/Linux e Software Libre, en xeral, para poder compartilo abertamente.
Stephen Fry particiou na realización do vídeo de xeito altruísta, doando o seu tempo gratuitamente. Este feito pretendía ser un reflexo do movemento colaborativo de GNU.
Segundo explicou o director executivo da FSF, Peter Brown, nun comunicado público, “para o 25 aniversario pretendemos reproducir a historia do movemento do Software Libre, xa que, a pesar do éxito recabado polos sistemas GNU e os proxectos libres, precisamos un maior esforzo para emprazar ou eliminar as aplicacións, as plataformas ou os controladores, propietarios que a maioría da xente aínda utiliza. Neste senso, o vídeo de Stephen Fry non é tanto unha celebración como un chamamento ao traballo que queda por diante”.
Durante o mes de setembro haberá diferentes anuncios para a participación o 20 de setembro no Día do Software Libre e no aniversario oficial de GNU o 27 de setembro.
Fonte: Free Software Foundation
