A tan só catro días da toma de posesión do que será o novo presidente norteamericano, Barack Obama volve ser o centro das conversacións en volta da estratexia tecnolóxica que a Administración americana adoptará en materia de software libre.
Se xa en plena campaña electoral Obama era proclamado como “o candidato do software libre”, non só pola opinión pública senón tamén polo mesmísimo pai da Web 2.0, O’Reilly, hoxe as expectativas xeradas nesta materia arredor do presidente electo vense incrementadas a raíz das recentes peticións do co-director do Center for Economic and Policy Research, Dean Baker.
Baker, nun artigo publicado en truthout, proponlle ao goberno de Obama o investimento de 2000 millóns de dólares para o desenvolvemento de software de código aberto como parte do estímulo económico que porá en marcha o goberno federal estadounidense. Esta subvención é unha das sete que menciona o economista no artigo e que abarca dende incentivos fiscais, subsidios para o transporte público, extensión da cobertura do seguro de saúde ou apoio á creación de cultura sen dereitos de autor (copyright).
Baker considera que o gasto en apoio ao desenvolvemento de software de código aberto, poría un amplo catálogo de software en mans dos usuarios de computadoras en todo o mundo, obtendo beneficios económicos a longo prazo. Unha iniciativa que suporía un aforro de 200 dólares por computadora e que sería imitada polas administracións de todo o mundo.
Na liña do coñecemento libre, o economista pide outros 10.000 millóns de dólares en fondos para escritores, artistas e traballadores creativos en xeral, condicionados a ceder as súas obras baixo dominio público ou con protección copyleft. Estes fondos empregarían a 200.000 persoas anuais e supoñerían unha cantidade inxente de material creativo (libros, películas, música) que se lle ofrecerían gratuitamente ao público.
De aceptárense estas propostas ou, cando menos, de cumprírense os compromisos electorais de Obama, Estados Unidos daría un gran pulo á implantación do software libre en todo o mundo.
Fonte: The Inquirer
