Mancomún

Presentado o III Concurso Universitario de Software Libre

Mércores, 20 Agosto 2008
 A Forxa continúa aberta aos proxectos participantes no Premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira con SwL

logo

A terceira edición do Concurso Universitario de Software Libre está xa en marcha despois de ter sido presentado, de xeito oficial, o pasado día 12 de agosto. Este certame, que comprenderá o curso 2008/2009, está orientado ao desenvolvemento de software, hardware e documentación técnica libre, na que poden participar estudantes universitarios de primeiro e segundo ciclo do ámbito estatal español.

O encontro ten como principal obxectivo fomentar a creación e contribuír á consolidación da comunidade de Software Libre no ámbito universitario. Baixo esa premisa os proxectos inscritos serán liberados a través da forja de RedIRIS e daranse a coñecer cun blog, onde os participantes contarán a súa experiencia no desenvolvemento dos proxectos.

A fase de inscrición no concurso comezará o vindeiro 15 de setembro e permanecerá aberta até o 10 de outubro de 2008. A formalización da mesma realizarase a través da web do evento.

Por outra banda, a organización do concurso mantén actualmente aberto o prazo para a presentación de patrocinios a calquera entidade interesada en participar. Con esta medida os responsables do encontro pretenden aumentar a contía en premios, a cal foi de 6.000 e 15.000 euros na primeira e segunda edición, respectivamente.

Premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira con SwL en Galiza

Na mesma liña mantense tamén aberto até o vindeiro 31 de outubro o prazo de inscrición para participar no Premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira con Software Libre en Galiza.

Este galardón, organizado pola empresa galega Igalia co respaldo da Consellaría de Innovación e Industria, a través de Mancomún, así como das tres universidades galegas, réxese sobre os mesmo principios que o Concurso Universitario de Software Libre pero restrinxido a súa participación a proxectos de fin de carreira e do ámbito galego.

A Forxa de Mancomún será un ano máis o punto de confluencia de todos estes proxectos en código aberto.

Máis información

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal